A APDR acusa o PP de dar un novo paso cara a “ilegalidade e a fraude” con Ence

Vista da factoría de Ence e da ría de Pontevedra. (Foto: Europa Press)
A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra critica as declaracións da senadora do PP, Pilar Rojo, á que acusa de mentir nunha pregunta ao Goberno do Estado español sobre a adhesión dos terreos que ocupa a celulosa á Autoridade Portuaria de Marín.

A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) denuncia un “novo chanzo na carreira popular pola ilegalidade e a fraude” no que a Ence se refire. O colectivo lamenta así as declaracións da senadora do PP, Pilar Rojo, sobre a adscrición dos terreos que ocupa a factoría á Autoridade Portuaria de Marín.

Malia que os membros do colectivo din saber que “se trata dunha estratexia que o PP” está a levar “a todos os niveis institucionais que pode”, din non saír do “asombro polo descaro que agochan”.

Atendendo ao que transcendeu nestes días, falan da pregunta de Rojo na que interrogou ao Goberno do Estado español para que aclare “sen rodeos, se vai estudar a viabilidade da adscrición dos terreos, tal e como comprometeu a ministra Teresa Rivera durante a reunión que mantivo en Madrid co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo”.

Ao respecto do seu discurso, a APDR asegura que se atreveu “a terxiversar, como xa fixeran con anterioridade Feixoo e Rueda, o contido do informe” que fixo o Consello Consultivo da Galiza.

Puntualiza que, supostamente a senadora empregou esta estratexia “ao afirmar que ese informe garante o mantemento da fábrica no seu actual emprazamento e o mantemento dos postos de traballo”.

"Ence non ten cabida en terreos portuarios"

“Deixando de lado que se trabuca ao falar dos “terreos de Ence” cando se trata de terreos públicos ocupados pola empresa, debemos indicar que non somos quen de saber se o seu comportamento -e a propia formulación da pregunta- responde máis a unha actitude cínica ou ao seu grado de ignorancia sobre o tema”, comenta a plataforma.

Así, aclara que nin Feixoo pediu ao Consultivo ese estudo sobre as posibilidades de que os terreos nos que está a celulosa pasen á titularidade do Porto de Marín nin o organismo emitiu información ao respecto.

“Así pois, mente a senadora do PP cando di que hai un informe favorábel e unánime” desta institución. Aliás, a APDR opina que para adscribir os terreos á Autoridade Portuaria, antes debería saír Ence dos mesmos porque “unha empresa destas características, coa lei na man, non ten cabida en terreos portuarios”.

E debería saber que para adscribir eses terreos ao Porto, tería que terse producido previamente a saída de Ence dos mesmos, xa que unha empresa destas características -coa Lei na man- non ten cabida en terreos portuarios.