Medio Ambiente

A anulación do Campelo abre a porta a invalidar os 75 parques eólicos autorizados pola Xunta este ano

Representantes de Adega e da PDCC convocaron esta segunda os medios no edificio do Cersia, en Santiago, para valorar esta sentenza. (Foto: Arxina)
O proxecto vulneraba unha directiva da UE sobre información pública e, segundo puxo de manifesto a sentenza, incorría tamén nun caso de "indebida fragmentación" de tres proxectos —Campelo, Bustelo e Monte Toural— nun só 'macroeólico'.

A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que anulaba a autorización outorgada pola Xunta para construír un parque eólico de Greenalia, o Campelo, nos concellos de Coristanco e Santa Comba non é unha sentenza máis. A resolución xudicial pode abrir a porta a sentar un precedente e anular os 75 parques eólicos autorizados pola Xunta este ano. O xurista Fernando de Abel, un dos responsábeis do recurso presentado por Adega e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica (PDCC) contra o parque promovido por Greenalia, apunta a Nós Diario que se o TSXG mantén o mesmo criterio a respecto deste parque en novos recursos, "vanse ir anulando autorizacións" para eólicos.

De Abel, que sinala o carácter "pioneiro" desta resolución do TSXG en que por primeira vez se anule un proxecto eólico que non empezara aínda a ser construído —"pedimos unha medida cautelar de paralización"—, destaca o que considera como punto clave que o tribunal tivo en conta para anular a autorización. "Non se puxeron os informes sectoriais a disposición da cidadanía". Isto, segundo a propia Adega denunciou en Europa hai unhas semanas, é unha "vulneración sistemática" da Directiva 2003/4/CE, relativa ao acceso público á información ambiental.

Belén Rodríguez, secretaria executiva de Adega, afirma a Nós Diario que "todos os proxectos eólicos autorizados nesta última vaga [75] non expuxeron na fase de consulta pública os informes sectoriais", polo que, engade, poderían seguir o mesmo camiño que o de Campelo. "Sen esa información sectorial fúrtaselle á cidadanía o dereito á participación pública que recoñece a Unión Europea", explica Rodríguez.

Mais a partida definitiva, en todo caso, aínda está por xogar e vai ser no Tribunal Supremo, pois el é quen senta xurisprudencia. A Xunta xa anunciou que recorrerá ante o Supremo a sentenza que anula a licenza do parque eólico do Campelo. Ante o Supremo presentou no seu día outro recurso —pola anulación da repotenciación dun parque en Ponteceso—e coa mesma intención que este: que a norma estatal non exixe que os informes sectoriais deban existir antes de someter o proxecto e o estudo ambiental.

Tres argumentos

Os outros dous argumentos do TSXG para a súa sentenza foi a "indebida fragmentación" deste parque —pois non é autónomo con respecto aos de Bustelo e Monte Toural, de promotoras vinculadas— e que en lugar dos 30 días habituais, a fase de exposición pública durou só 15, contravindo desta forma dúas directivas europeas. En 2022 o TSXG anulou a repotenciación do parque eólico Corme, de EDP, en Ponteceso, por ese mesmo recorte nos prazos, o que levou a Xunta a ampliar a 30 días o tempo de exposición de ducias de proxectos que nun principio tiña en 15 días.

"Inimigo"

O viceportavoz parlamentario do BNG, Luís Bará, acusou esta segunda feira a Xunta de ser o "inimigo número un do Medio Ambiente", ao fío tamén do "carpetazo" da Xustiza ao eólico de Campelo, e advertiu das consecuencias desta sentenza.

A posíbel "responsabilidade patrimonial" da Xunta

Fernando de Abel pon sobre a mesa unha posíbel consecuencia a maiores destas anulacións. "As empresas gastan moito diñeiro nos proxectos eólicos", afirma. De aí que ante a anulación dos seus proxectos por parte da xustiza poidan valorar pedir responsabilidades á Administración galega en calidade de "responsabilidade patrimonial".

Na mesma liña, Belén Rodríguez tamén advirte das consecuencias das anulacións para as "arcas públicas se as empresas empezan a pedir responsabilidades á Xunta" pola anulación dos seus proxectos. O transfondo disto, indica Fernando de Abel, é unha xestión "nefasta" do tema eólico polos Gobernos da Xunta "do Partido Popular" ao longo destes anos. "Unha chapuza que imos ter que acabar pagando todos e todas".