As direccións de máis de medio cento de centros educativos galegos apoian a folga do ensino público
Reclaman máis investimento, estabilidade e recursos humanos para garantir un "ensino de calidade".
Máis de medio cento de directoras e directores de centros públicos de toda Galiza fixeron público un comunicado de apoio á folga do ensino galego convocada para os días 28 e 29 de outubro, na que o profesorado reclamará melloras laborais e máis medios para o sistema educativo.
As asinantes subliñan que a educación pública é "un dos piares fundamentais da sociedade" e que precisa "recursos, estabilidade e recoñecemento" para garantir un servizo digno. "A defensa dunha educación pública forte non é unha cuestión corporativa, senón un compromiso social", afirman.
As direccións alertan da sobrecarga administrativa e da falta de persoal e medios materiais, o que repercute directamente "na atención ao alumnado, na innovación pedagóxica e na equidade educativa". Por iso consideran a convocatoria de folga "un chamamento necesario" para reverter a precarización do sistema público e garantir a igualdade de oportunidades.
"Reclamamos un cambio de rumbo claro e decidido: máis investimento, máis persoal, máis apoio real ao profesorado e aos centros, e unha aposta firme polo ensino público como ferramenta esencial de cohesión social e progreso", recolle o comunicado.
As persoas asinantes destacan que a defensa da educación pública é unha responsabilidade colectiva, e que o apoio á folga é "un acto de dignidade e compromiso co alumnado, coas familias e coa sociedade galega".
O documento leva a sinatura de directoras e directores de centros de ensino infantil, primario e secundario de máis de trinta concellos galegos, entre eles A Coruña, Vigo, Santiago, Ferrol, Pontevedra, Lugo, Ourense, Moaña, Cangas, Cambados ou Melide.

