Andrea Mosquera, AC A Pinguela: "Urxe recoller a tradición porque se está a dar un salto xeracional que resulta moi visíbel"

Andrea Mosquera é membro da organización do proxecto "Dende a cociña" da AC A Pinguela de Touro (Nós Diario)
"Dende a cociña" é un proxecto de recolla e divulgación de patrimonio inmaterial nos concellos de Touro e O Pino, dous municipios da comarca de Arzúa, que parte da Asociación Cultural A Pinguela de Bama, unha entidade creada en 2017. O seu obxectivo é implicar a sociedade na investigación e conservación do patrimonio. Nós Diario fala con Andrea Mosquera, membro da organización da iniciativa.

-Como nace e en que consiste o proxecto?

A maior parte das actividades da asociación están relacionadas coa música e o baile. Levabamos tempo querendo desenvolver un proxecto co obxectivo de facer unha recolla do que é todo o relacionado co patrimonio intanxíbel, desde cantigas e coplas até puntos de baile, pasando por mitos e lendas ou fotografías. Todo o patrimonio da zona que non se recolleu até agora. Nos municipios que tratamos, Touro e O Pino, nunca se fixera algo polo estilo.

Este ano animámonos, o que pasa é que normalmente as recollas fanse de maneira persoal, indo á casa da xente e conversando. Agora a situación sociosanitaria non o permite. Por ese motivo buscamos a maneira de darlle a volta e poder facelo dunha forma colaborativa e que sexa a xente quen recolla das persoas que teña ao seu arredor, avoas, veciñas, nais... 

Unha parte importante do proxecto é a participación que terán os Centros Públicos Integrados de Touro e O Pino, nas que o profesorado se implicou en propor actividades ao seu alumnado. Dentro desta iniciativa tamén queremos ofrecer formación para realizar as recollas.      

-Polo de agora con que material contan?

Contamos con sesións persoais de xente coñecida e achegada á asociación. Tamén temos material que estaba no Arquivo Dixital do Museo do Pobo Galego e dalgunhas publicacións que atopamos na zona. Mais non tivemos oportunidade aínda de realizar unha recolla de forma persoal.   

-É urxente contar con este tipo de iniciativas?

Urxe a tradición porque hai un salto xeracional que é moi visíbel. Por exemplo, como é, no meu caso, a dos meus avós e a dos meus pais. Dos primeiros, que xa non están aquí para contalo, estaban familiarizalos coas cantigas e coa tradición oral que non pasou para a seguinte nin desde logo para a nosa. Por este motivo esa información, nalgún punto, vaise perder. Preocúpanos que se nos acabe un pouco o tempo nese sentido.

-Como se podería implicar a sociedade?

Volve o interese pola cultura tradicional galega. Hai moita xente moza que se está involucrando en asociacións de nova creación como a nosa. Tamén hai xente particular que se dedica a isto a nivel profesional ou no seu tempo de lecer. Si que é verdade que falta aínda moito traballo. Unha maneira de reconectar sería traela á orde do día e modernizala.

Facela chegar á xente que non ten contacto con este tema. No noso caso partimos do traballo cos centros e duns obradoiros, algo que para a maior parte será o primeiro contacto que teñan co baile galego, por exemplo. E non sería por non querer senón por non ter esa oportunidade. É importante que as xeracións que son o noso futuro, polo menos, que o coñeza. Para o resto da poboación pensamos que é mellor facer actividades de lecer.  

-Xogan un papel importante as redes sociais no proxecto? 

Agora mesmo, coa pandemia, sen as redes sociais non poderiamos levar adiante a iniciativa, mais en xeral é unha ferramenta máis que introducimos no noso día a día. As redes son unha canle para chegar a todo tipo de xente que empregamos con poucos recursos, algo importante para unha asociación pequena como a nosa.

-Que farán con todo o material recollido? 

Queremos que se lle dea valor e un recoñecemento da importancia que merece. Pensamos facer unha publicación a finais deste ano para que a xente poida compartila e, ademais, depositarémola no arquivo do Museo do Pobo Galego aberta para todo o mundo.