O BNG de Touro cualifica de “atentado patrimonial inxustificábel”, o resultado dunha obra de reparación e aglomerado dunha estrada na parroquia de Novefontes que levou, denuncian, a “aglomerar a base mesma dun cruceiro e que se pintara ao seu arredor unha illa con pintura plástica”.
Para as nacionalistas, resulta “moi dificil de entender unha actuación deste tipo, nunha zona próxima ao río Ulla e a outros bens patrimoniais. sen nengún respecto polo patrimonio cultural do Concello, tratando un ben patrimonial de indudábel valor histórico como se fose un estorbo”.
O BNG indica que esa vía non soporta un gran volume de tráfico e considera “absurdo” que “na vez de adaptar a obra ao entorno e aos elementos presentes o que se conseguiu foi que o que resulte un elemento estraño no lugar sexa o que leva alí séculos, o cruceiro”.
Demanda ao Goberno municipal “que se proceda a unha actuación inmediata para adecuar a obra ao entorno e ao respecto ao elemento patrimonial”.
Solicita tamén que esta actuación sexa supervisada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.