martes 11/05/21
A mostra decorrerá do 6 ao 10 de abril

O cinema etnográfico volve ao Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo acolle a presentación oficial da programación da XVI Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, MICE, que chega no mes de abril.
mice
Jacobo Sutil, Mercedes Rosón, ConchaLosada, Xurxo Couto, Ana Estévez e Manuel Vilar e na presentación. (Foto: Nós Diario)

O Claustro do Museo do Pobo Galego, en Compostela, acolleu onte a presentación da programación da XVI edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), que do 6 ao 10 de abril decorrerá na capital da Galiza. Durante o evento inaugurouse tamén a exposición “Ons soa”, actividade paralela da MICE, comisariada pola antropóloga e etnógrafa Paula Ballesteros-Arias.

En 2021 a MICE compaxina os contidos presenciais e en liña para garantir a seguridade debido ás condicións sanitarias provocadas pola Covid-19.

En total, anuncian arredor dunha vintena de proxeccións entre a Sección Oficial, o apartado Fóra de Concurso, Impropias, que aborda a memoria histórica desde a perspectiva de xénero, e Trazas, dedicada á linguaxe e organizada en colaboración co Cineclube de Compostela.

A programación poderá seguirse desde as pantallas do Museo do Pobo, do Teatro Principal e do Cine Númax. Serán 11 películas procedentes de sete Estados (o Estado español, Estados Unidos de América, Francia, Finlandia, Marrocos, Mozambique e Portugal) as que irán a concurso, entre as que se encontran catro filmes galegos: A miña terra, de Santiago D. Risco; Notas sobre a habilitade na Barca, do Colectivo Semente; A poeta analfabeta, de Sonia Méndez e Entre pastores e lobos, de Manuel Pedrosa.

Fóra de competición proxectaranse o documental Negro Púrpura, de Adriana P. Villanueva e Sabela Iglesias, que abrirá a MICE, e títulos como Os corpos, de Eloy Domínguez Serén, e a mediametraxe Do not lean on door, de Vicente Vázquez.

Actividades paralelas

A MICE tamén vai contar con actividades paralelas, como o taller “Da investigación á creación biográfica" e mais a exposición “Ons soa”,  que se vai poder visitar no Museo do Pobo até o 30 de maio, organizada por Paula Ballesteros-Arias a partir do seu traballo de campo na illa de Ons.

A mostra consta dunha selección de pezas procedentes da investigación da antropóloga no Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) entre 2009 e 2013, ao que achegou materiais propios compilados entre finais dos 80 e 2016. “Ons soa” resume “as inquedanzas da antropóloga sobre o patrimonio cultural” da illa.

comentarios