Ana Pontón: "É necesario activar políticas para loitar contra a violencia machista"

Ana Pontón, nunha visita a Lalín. (Foto: Europa Press)
A dirixente nacionalista afirmou que o Bloque traballará para que se destine 1% do orzamento do Goberno galego á loita contra a violencia de xénero.

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, asegurou que "é necesario activar políticas contra a violencia machista e impulsalas desde as institucións".

Pontón, durante unha visita ao concello de Allariz, mostrou o seu rexeitamento ao último crime machista ocorrido na Galiza, a brutal agresión a unha muller en Carballo, e subliñou que "non se pode aceptar como normal ou aceptábel a violencia machista". 

A dirixente nacionalista afirmou que o Bloque traballará para que se destine 1% do orzamento do Goberno galego á loita contra a violencia de xénero.

Ademais, levará ao Parlamento a petición de crear tres xulgados específicos de loita contra a violencia de xénero en Santiago, Lugo e Ourense, despois de que se abordase esta cuestión na reunión da comisión de seguemento do pacto de investidura entre o BNG e o Goberno que preside Pedro Sánchez.

Cordón sanitario ao "discurso negacionista"

Ana Pontón chamou a estabelecer un "cordón sanitario" contra o discurso "negacionista" da violencia de xénero "dunha parte da dereita", porque o "machismo mata".

Para a portavoz nacional, ese "discurso negacionista" ten como consecuencia "deixar en maior indefensión" as mulleres que sofren violencia machista.

Neste sentido, apuntou que "o que se necesitan son máis medios para axudar as mulleres que están nesa situación". "A violencia machista atenta contra o dereito das mulleres para vivir sen medo e sen violencia e aí debemos actuar", manifestou Pontón.

En canto aos xulgados de violencia de xénero, defendeu que "son importantes" para que os procesos "sexan rápidos" e as mulleres "se animen a denunciar".