O goberno español en funcións prorroga o prazo de concesión á papeleira

O goberno español, en funcións, concédelle á celulosa autorización para permanecer na ría de Pontevedra 60 anos máis. 

ence apdr manife

Através dunha nota de imprensa, ENCE vén de comunicar que o Ministerio de Agricultura español lle concede unha prórroga de 60 anos para continuar a desenvolver coa súa actividade na ría de Pontevedra. Fíxoo malia se atopar en funcións, á espera de que se constitúa o novo executivo saído das eleccións do 20 de decembro. O tempo comeza a contar a partir da data de solicitude da prórroga, en 2013. Desde a celulosa aseguran que a decisión adoptada polo executivo de Mariano Rajoy responde ao "forte compromiso de investimento" da empresa. 

Desta maneira o goberno de Madrid invalida a data de caducidade da concesión que obrigaba a pasteira a abandonar a ría en 2018 e contravén as demandas do goberno local, da Asociación para a defensa da ría de Pontevedra e de amplos sectores sociais que exixen a saída de Ence de Lourizán polos prexuízos ecolóxicos que carrexa. 

Madrid reservouse a última palabra coa reforma da Lei de Costas (2012)

Porén, segundo a dirección da pasteira, as súas instalacións "cumpren folgadamente" coa normativa ambiental europea e defenden que a súa actividade xera "máis de 800 postos de traballo" en Pontevedra e "5.000 en toda Galiza". 

Aliás,a aprobación da prórroga supón un reto ao executivo municipal encabezado por Miguel Anxo Fernández Lores (BNG) quen en decembro de 2015 enviaba unha carta ao propio presidente en funcións, Mariano Rajoy, na que exixía que a prórroga non fose concedida "por un goberno en funcións" tendo en conta o seu carácter "trascendente". 

Cómpre lembrar que ENCE foi instalada na ría de Pontevedra en xuño de 1958 por orde do réxime franquista. A súa localización deixou o espazo no que se enmarca inútil para calquera actividade marisqueira que ocupaba tradicionalmente a poboación local. 

Após a reforma da Lei de Costas en 2012 polo goberno do Partido Popular, Madrid gardouse para si a decisión última de prorrogar ou non a permanencia de Ence en Pontevedra. 

Suba na Bolsa

A nova da prórroga do goberno español a ENCE polas vindeiras seis décadas axiña chegou os mercados. A peche de sesión na Bolsa, os títulos da pasteira intercambiábanse a 2,8 euros, unha suba do 6,6% a respecto do peche da xornada precedente, segundo recolle Economía Digital.

Consello de Administración

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) afirmaba en 20914 que existía entre ENCE e a Xunta o que cualificaba de “trama político-familiar”. O presidente da plataforma ambientalista, Antón Masa, apuntaba  que o director da factoría de ENCE en Pontevedra e a subdirectora xeral de Coordinación Ambiental da Xunta estaban casados. O que, entende Masa, é un conflito de intereses pois a mencionada subdirección xeral “é xuíz e parte dos procesos abertos con respecto a ENCE”, en particular sobre a tramitación da Autorización Ambiental Integrada. Mais aínda hai máis, apontan desde a APDR. Esta subdirectora xeral da Xunta foi nomeada en 2002 por parte dun conselleiro de Medio Ambiente (Carlos del Álamo, polo PP) que actualmente pertence ao Consello de Administración da pasteira.

"Fraude democrática e bulra ambiental"

Entre as voces que criticaron a medida do goberno en funcións está Adega. A Asociación ecolóxica para a defensa de Galiza di que a prórroga "é unha fraude democrática hipotecar a ría a ENCE cun governo en funcións e unha burla á cidadanía e ao ambiente". O colectivo anuncia que avaliará cos colectivos sociais e políticos "as eventuais accións de resposta a este flagrante atropelo", mais considera que está nas mans do governo que xorda das pasadas eleccións "emendar en boa medida as corruptelas a chafallada administrativa cometidas polo executivo saínte".

PP, satisfeito

O portavoz del PP no Concello de Pontevedra, Jacobo Moreira, afirma que a prórroga a ENCE achega "moita tranquilidade a milleiros de familias" que, directa ou indirectamente, dixo, dependen da pasteira. Moreira resalta que, "desde hoxe", esas familias "saben que xa non existe incertidume sobre o futuro da planta".

Comentarios