Tres parques eólicos provocarían que os cabalos "invadisen as aldeas"

A ameaza eólica cérnese sobre as bestas de Sabucedo, que perderían o seu hábitat

Nos últimos 15 anos o censo do cabalo galego de monte reduciuse á metade na contorna de Sabucedo (Foto: Sindo Novoa).
A Asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada) organiza entre esta sexta feira e o sábado diferentes actividades para concienciar sobre a importancia do cabalo galego de monte, unha especie fortemente ameazada que forma parte do "patrimonio material e inmaterial" da Galiza após séculos de tradición.

Conta a lenda que durante unha das epidemias da peste que axexou Galiza no século XVI dúas irmás de Sabucedo (A Estrada) ofreceron San Lourenzo, santo desta parroquia, dous cabalos se non enfermaban. E, como así foi, agasalláronllas ao cura, que as deixou no monte ante a imposibilidade de se facer cargo. As bestas comezaron a reproducirse e, segundo consta en diferentes documentos eclesiásticos do momento, pouco tempo despois iniciouse unha das tradicións máis antigas da Galiza: a rapa das bestas.

Esta festividade, que alén do espectáculo visual resulta esencial para desparasitar, sanear e protexer os cabalos galegos de monte, non se interrompeu durante máis de 450 anos nin sequera polo golpe de Estado; si a detivo, en cambio, a pandemia da Covid-19 o pasado ano.

A rapa volve celebrarse en 2021, mais aprazada a finais de agosto por mor da situación epidemiolóxica. Como antesala, a Asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo organiza esta sexta feira e o sábado senllas actividades para "concienciar a poboación" da importancia de mantermos unha festa —declarada de interese turístico— e un animal que podería verse abocado á desaparición, segundo explica a Nós Diario o seu presidente, Paulo Vicente Monteagudo.

Ás 21 horas de hoxe actuará Quico Cadaval no curro do Campo do Medio, e mañá, a partir das 9 horas, organizarase unha andaina polos montes de Montouto para observar os cabalos, xantar incluído, que rematará cunha sobremesa musical e unha actuación de Mofa e Befa para denunciar a "agresión eólica nos montes de Sabucedo".

Malia que en 2006 se contabilizaban perto de 800 exemplares, hoxe o censo reduciuse a uns 350. "É fundamental conservalos, porque forman parte do noso patrimonio material e inmaterial —a través da tradición—, e é o mamífero salvaxe máis grande da Europa occidental", di, e lembra que as bestas son "un elemento fundamental de control da biomasa e do material combustíbel que pode provocar incendios".

Unha especie ameazada

Os cabalos de Sabucedo viven en liberdade durante todo o ano —agás os tres días que baixan ao curro por mor da rapa— nuns terreos que abranguen arredor de 3.000 hectáreas e que se verían gravemente afectados polos tres parques eólicos proxectados na súa contorna: Pico Touriñán —dez aeroxeradores e unha potencia total de 30 megawatts (MW)—, de Enel Green Power; Touriñán III-2 —oito turbinas e 24 MW—, de Greenalia, e Campo das Rosas —oito muíños e 27,6 MW—, de Naturgy. Os dous primeiros, alén de compartiren as infraestruturas de evacuación, atópanse nunha fase avanzada de tramitación e contan xa cunha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorábel.

"Hoxe xa temos unha grave problemática, porque cando as bestas non teñen alimento no inverno baixan ás aldeas e entran nos prados que a xente ten fechados para dar de comer aos seus animais domésticos. Hai parques situados nas mesmas zonas onde os cabalos viven todo ano, polo que os desprazarían", advirte Monteagudo.

Alén da destrución dos hábitats, os mananciais de onde beben e a perda de alimento, o ruído das turbinas e o tránsito de camións espantaría os animais. "Aliás, a apertura de pistas facilitaría o traballo aos ladróns de cabalos, que son un dos grandes problemas que temos", engade.

Malia ter presentado senllas alegacións contra estes parques e advertir que as DIA non avalían o impacto real sobre as bestas, protexelas non resulta doado: "Como teñen dono —a sociedade Rapa das Bestas— e están controlados, son considerados gando e non animais salvaxes, malia que si o son, polo que nas alegacións a estes proxectos non serve como causa avaliábel", advirte o presidente da asociación, que insta a mudar a súa catalogación para protexelos e evitar a súa desaparición.

Desde Rapa das Bestas están a tramitar a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) inmaterial para a festa, a fin de protexer "os poucos cabalos que quedan" das "múltiples agresións que poderían sufrir".

O BNG denunciará na UE o boom eólico por "vulneración da normativa comunitaria"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a portavoz da formación en Europa, Ana Miranda, anunciaron nesta quinta feira que presentarán ante a Comisión Europea unha denuncia por "vulneración da normativa comunitaria en materia de biodiversidade e de conservación de hábitats" ante o "boom especulativo" da enerxía eólica. Aliás, proporán ampliar a Rede Natura 2000 a 20% do territorio galego —hoxe abrangue 12%—.

"Hai barra libre para as eléctricas sen que as galegas teñamos contrapartidas; ao contrario, cada vez pagamos máis pola factura da luz e miles de empregos están en xogo polos custos enerxéticos", afirmou Pontón. "Estamos ante un marco normativo que nos deixa vendidos", concluíu Miranda, quen salientou a "falta de planificación e regulación" no sector.