venres 30/10/20

O cabalo galego de Guillerme de Normandía en Hastings

Hai 954 anos, falamos do 14 de outubro de 1066, as tropas normandas e dos seus aliados internacionais derrotan na cidade de Hastings os exércitos saxóns, abrindo a porta á proclamación de Guillerme O Batallador como novo rei inglés.
Escena do Tapiz de Bayeaus onde se recrea a batalla de Hastings de 1066.
Escena do Tapiz de Bayeaus onde se recrea a batalla de Hastings de 1066.

A batalla de Hastings é o feito de armas máis decisivo na campaña de conquista de Inglaterra polos normandos. Após a morte en xaneiro de 1066 do rei inglés Eduardo ‘O Confesor’ ábrese un importante conflito sucesorio entre os diversos pretendentes ao trono, ficando a loita, finalmente, formulada entre o derradeiro monarca da dinastía saxona, o rei Harald II e Guillerme de Normandía. Este último, tras desembarcar no sur de Inglaterra en setembro dese ano inicia unha rápida campaña de conquista, que vive o seu momento chave na batalla decorrida nas proximidades da cidade de Hastings o 14 de 14 de outubro de 1066, onde os seus exércitos conseguen un triunfo claro e o propio Harald II perde a vida.

A consecuencia directa da vitoria en Hastings é a proclamación de Guillerme de Normandía como rei inglés. Coñecido tamén como Guillerme ‘O Bastardo’ ou ‘O Conquistador’ e fillo do monarca viquingo de Normandía, Roberto I, non vai conseguir a coroa até 1060, despois dunha dura loita de anos con outras faccións rivais. Nomeado rei inglés en Londres o día de Nadal de 1066, vai permanecer á fronte dos dous Gobernos até a súa morte en 1087, pasando por ser o monarca máis poderoso de Europa daquel tempo. Ao fin da súa vida, Guillerme opera como o auténtico árbitro da política internacional, cuxa alianza buscan outros reinos europeos.

O reino continental dos viquingos

Normandía aparece naquela altura como a gran potencia rexional europea. A súa orixe remóntase a comezos do século X, cando o monarca da dinastía carolinxia Carlos III cede a un grupo de viquingos liderados polo noruegués Hrolf Ganger, coñecido como ‘Rollon O Camiñante’ unhas terras na Normandía, nacendo así o reino continental dos viquingos. Estas terras van servir de base para un nacente imperio, desde a cal os seus habitantes navegan a Xerusalén, peregrinan a Compostela, colonizan a área mediterránea abrindo rutas para o comercio, participan nas loitas internas da península Itálica ou fundan o Reino de Sicilia, un dos máis importantes centros culturais de Europa, onde o rei Roxeiro xunta no século XII o mellor da intelectualidade árabe e cristiá.

As tropas galegas fixeron parte da coalición internacional que apoiou Guillerme I na batalla de Hastings

Os feitos máis destacados da vida de Guillerme, con anterioridade á súa proclamación como rei de Inglaterra, están recollidos no Tapiz de Bayeaus ou da raíña Matilde. A autoría do lenzo bordado no século IX é atribuída, segundo algúns autores, á propia muller de Guillerme, a raíña flamenga Matilde, considerando outros que a súa elaboración corresponde ao irmán do monarca Odo, arcebispo de Bayeaus. Sexa como for, estamos diante dunha peza practicamente contemporánea aos feitos que recrea e elaborada no circulo familiar do seu protagonista, polo que a historiografía lle recoñece gran credibilidade, malia magnificar algúns feitos dada a súa vontade propagandística. 

O tapiz está considerado como unha das grandes obras da arte europeo da alta Idade Media. A composición, de máis de 70 metros de longo, exponse actualmente no museo da cidade normanda de  Bayeaus, albergando diversas miniaturas da vida de Guillerme, significándose as referidas á campaña da conquista de Inglaterra e moi particularmente á batalla de Hastings. Os gravados referidos a este capítulo da traxectoria do monarca, recollidos entre as escenas 61 e 68 e tamén nalgunhas de 68 até 73, representan o rei normando sobre un cabalo negro, destacando pola cor da súa pel e as súas características físicas sobre as outras monturas.

Galtier Guiffart en Compostela

O cabalo co que Guillerme participa na batalla de Hastings puido ser galego. Son moitos os estudos que teñen referido estes feitos, seguindo as historias e os documentos da época, comezando pola gran crónica do momento elaborada por Guillerme de Potiers  e seguindo a través dos escritos do poeta Robert Wace. 

Se queres seguir a ler esta interesante reportaxe merca o Nós Diario que atoparás hoxe nos quiosques. Tamén tes a opción de continuar coa lectura online accedendo á nosa loxa. Para evitar futuros despistes, faite subscritora ou subscritor.

comentarios