Alertan de que pacientes da Mariña teñen que ser ingresados no HULA por falta de persoal

A veciñanza dos 14 municipios da Mariña ten no hospital de Burela o seu centro de referencia, mais sen prescindir do HULA. (Foto: Nós Diario)
A CIG explica que, a falta de especialistas en Medicina Interna que “vén arrastrando de modo constante este centro hospitalario” provoca que se “incumpran os ratios recomendábeis para ofertar unha atención de calidade.

A Federación de Saúde da Confederación Intersindical Galega (CIG-Saúde) denunciou esta sexta feira que se están “derivando cara ao Hospital de Lugo (HULA) pacientes de Medicina Interna da Mariña que requiren de ingreso, pola incapacidade do centro mariñán para asumir as necesidades asistenciais da comarca”.

Advirten que “detrás da boa aparencia pola renovación das fachadas, dando a impresión de que está a apostar polo crecemento do hospital, agóchase un hospital desmantelado pola falta de persoal”.

A central sindical explica que, a falta de especialistas en Medicina Interna que “vén arrastrando de modo constante este centro hospitalario” provoca que se “incumpran os ratios recomendábeis para ofertar unha atención de calidade (8 pacientes por especialista), chegando a ter asignados cada un dos especialistas ata 19 pacientes por quenda, unha cifra totalmente inasumíbel que pon en risco a saúde tanto dos pacientes como dos propios profesionais”.

Ante esta situación, a dirección do centro decidiu que o Hospital da Mariña, “non vai asumir máis de 35 pacientes ingresados polo que,  a partir de aí,  cada novo paciente a cargo de Medicina Interna que precisa de ingreso, se derive ao HULA e é por isto que,  veciños e veciñas da Mariña, todos os días, sofren as consecuencias de ter que ingresar en Lugo até reducir o número de ingresados ao máximo establecido de ocupación".

Sobrecarga asistencial

O Hospital da Mariña leva anos cun importante déficit de persoal, alertan desde a CIG-Saúde, tamén entre o persoal facultativo, que lonxe de arranxarse “estase agravando cada vez máis”.

O sindicato nacionalista ten denunciado en reiteradas ocasións que a sobrecarga asistencial á que a dirección somete as traballadoras e traballadores, provocaron e provocan unha fuxida masiva de efectivos cara a outros centros sanitarios onde lles ofertan mellores contratos, respectan os seus dereitos, e poden desenvolverse profesionalmente.

"A consecuencia directa desta política laboral da Xunta do PP é que a data de hoxe atopámonos sen persoal facultativo dabondo para cubrir as necesidades básicas en materia de saúde da comarca e que os pacientes que deberan estar ingresados no Hospital da Mariña atópanse a máis de 100 quilómetros arrastrando con eles as súas familias", reiteran.

Por iso, responsabilizan da situación sanitaria do Hospital a equipa directiva do centro e ao máximo responsábel da Área Sanitaria, Ramón Ares, "que desde o seu despacho situado no HULA ignora as necesidades en materia de saúde da poboación da Mariña”