Alertan do “desembarco” na Galiza de “especuladores” para se facer con terras para eólicos “sen ter sequera proxecto”

Parque eólico do Sobredo no concello de Arbo (Imaxe: Observatorio Eólico da Galiza).

O Observatorio Eólico afirma que ofrecen “prezos ridículos e períodos de carencia de dez anos pretendendo obter dereitos exclusivos sobre todas as terras dos propietarios de montes.”

O Observatorio Eólico de Galiza (OEGA) denuncia que nos últimos meses está a constatar a chegada “de intermediarios buscadores de rendas que, sen teren proxecto eólico, pretenden asinar contratos con condicións inaceptábeis” para as comunidades rurais:” prezos tan baixos que se poden cualificar de ridículos; dereitos exclusivos sobre todas as terras do propietario, e non só sobre as que conforman o parque eólico; períodos de carencia que chegan aos 10 anos, etc”.

Como exemplo deste tipo de situacións o Observatorio sinala unha proposta en Verea e Celanova para un pagamento de 1.000 euros/MW; e outra proposta na Rúa e Quiroga de servidumes con pagamento unha única vez.

“Xunto a esas posicións moi especulativas encóntranse outras que obedecen a unha maior responsabilidade social por parte das empresas. Na actualidade as mellores ofertas sitúan o pagamento medio arredor dos 3.600-3.800 euros por MW instalado, moi lonxe das cifras irrisorias ofrecidas polos novos intermediarios detectados nos espazos rurais de Galiza”.

OEGA lembra as recomendacións: non ter presa para asinar o acordo; buscar toda a información para entender o tipo de negocio que queren desenvolver na localidade; tentar establecer alianzas con outros propietarios, co concello e con organizacións profesionais e sociais; negociar conxuntamente con todos os propietarios afectados.

O Observatorio Eólico indica que é defensor dos contratos de arrendamento ou contratos de dereito de superficie, fronte á expropiación ou á compravenda, para vincular as terras eólicas cos parques eólicos. “A experiencia indícanos que o alugueiro rende maiores beneficios para as comunidades rurais. Pero ollo, hai que ler a letra pequena e sobre todo tratar de adoitar estratexias colectivas para buscar as mellores condicións”.