Unha vintena de proxectos eólicos ameazan o Suído

Panorámica da contorna da Serra do Suído afectada polo Parque Eólico de Coto Redondo (Foto: Julio Eiroa)
Aínda que sexa unha enerxía renovábel, o "desbordamento" de proxectos eólicos nas montañas galegas preocupa as asociacións ecoloxistas, que poñen o foco no impacto que poden deixar máis de 20 novos parques eólicos nas serras de Faro de Avión, Paradanta e O Suído.

As serras do Faro de Avión, Paradanta e do Suído deixarán de ser espazos naturais para converterse nun "polígono industrial". Así o advirte a Asemblea do Suído, que denuncia que a Xunta da Galiza ten planeados "máis de 20 novos parques eólicos dos que a metade afectan directamente a serra do Suído, dentro da zona de ampliación da Rede Natura 2000".

Estes proxectos conteñen máis de 200 aeroxeradores, centos de quilómetros de liñas eléctricas, unha ducia de subestacións e a construción de ducias de camiños de acceso nas montañas que afectarán directamente os concellos de Covelo, A Cañiza, Arbo, Mondariz, Fornelos de Montes, A Lama e Avión.

Tanto a citada asemblea como a Plataforma de Defensa do Sur da Dorsal Galega deixan claro que apoian o desenvolvemento da enerxía eólica, mais "non dun modo desmesurado como están a facer", indica o presidente da plataforma, Julio Eiroa en conversa con Nós Diario. "A veciñanza debe saber que se estes proxectos saen adiante probabelmente no futuro non se beberá a mesma auga que estamos a consumir agora mesmo", sinala o presidente. Os proxectos eólicos "afectarán os nacementos dos acuíferos que dotan de auga potábel a poboación metropolitana de Vigo ao Carballiño", indica.

Adiar a protección

Segundo apunta a Asemblea do Suído, esta zona forma parte da ampliación da Rede Natural 2000 e o "modo que ten de proceder a Administración é un atentado medioambiental porque está a impedir a ampliación da Rede para favorecer a instalación de parque eólicos e proxectos de explotación mineira", apunta Alexandre Cendón, delegado da asemblea en declaracións a Nós Diario.

"A Unión Europea (UE) leva anos demandando ao Estado español e á Xunta da Galiza que amplíe a rede. É un mandato da UE porque na Serra do Suído hai unha serie de hábitats que son prioritarios e que están en perigo de extinción ou desaparición. Están pouco representados na Galiza e o único sitio onde se atopan eses hábitats é no Suído. Por iso, a serra é candidata á Rede Natura. Mais están a adialo e non o queren aprobar para facilitar todos estes proxectos", comenta Cendón.

Alén da falta de protección do medio ambiente, desde a asemblea tamén denuncian que a veciñanza "ve minguados os seus dereitos". De aprobarse estes proxectos, "a xente estaría obrigada a sufrir os efectos na súa saúde dos elevados índices sonoros preto das súas casas, como acontece co proxecto de Mancelo, situado na parroquia covelá de Prado, con 3 aeroxeradores de 180 metros de altura e cunhas aspas de 136 metros de diámetro, a escasos 600 metros das vivendas", explica Cendón.

Eiroa, pola súa banda, pregunta por que "non se repotencian os proxectos antigos que xa están obsoletos en lugar de crear outros que están a deixar o país sen ningunha montaña libre de eólicos".