Entrevista

Alejandro Mínguez, micólogo: "Na Galiza hai máis de 3.000 especies de cogomelos"

Alejandro Mínguez co seu libro 'No pais dos cogumelos'. (Foto: Nós Diario)
Alejandro Mínguez é un dos poucos galegos titulados en micoloxía. Herdou de seu pai a súa paixón polos cogomelos e leva toda a vida dedicándose á divulgación. Agora vén de presentar con Âncora Editora, en Portugal, a versión lusa do seu libro 'No pais dos cogumelos', que xa esgotou todos os exemplares da súa primeira edición.

—Asevera que o mundo dos cogomelos é un reino de virtudes descoñecidas. Cales son?
Os cogomelos teñen poderes curativos. Moitos deles poden axudar en tratamentos anticanceríxenos ou para atrasar o alzheimer. Aínda que de forma xenérica podemos dicir que os cogomelos medicinais o que fan é fortalecer o sistema inmunolóxico. Fan que sexamos máis fortes. Se incluímos os cogomelos na nosa dieta habitual, seremos máis resistentes aos catarros, gripes e pequenas doenzas. Ademais, tamén temos cogomelos que son fantásticos para ir ao baño, que estimulan o colon e o tránsito intestinal. 

—Na Galiza os cogomelos eran rexeitados, debido en gran parte á influencia da Igrexa, e non eran case usados na gastronomía. En Portugal pasou o mesmo?
En Portugal están nunha situación incluso un chisquiño peor ca nós. Alí a relixión sempre estivo tamén moi presente e polo tanto os cogomelos tampouco estaban na súa sociedade nin na súa cociña como pasaba na Galiza. De feito, levan un pouco máis de atraso ca nós na divulgación e, en consecuencia, hai unha ausencia importante de material bibliográfico. Na Galiza xa levamos 40 anos con moitos títulos publicados, é dicir, xa temos unha produción importante.

Por outro lado, Portugal carece de normativa micolóxica e na Galiza si que a temos. Eles poden consumir cogomelos que para nós están prohibidos, xa que na Galiza hai un decreto específico para a recollida de cogomelos e hai que cumprilo.

—Pensa que o micoturismo pode ser beneficioso para o mundo das cogomelos ou pode provocar o incremento da recolecta indiscriminada?
O micoturismo ordenado, regulado e ben feito non ten porque ser prexudicial. O micoturismo tampouco ten que consistir na recollida de cogomelos para comer. Eu entendo que é moi fácil chegar a esa conclusión, mais o micoturismo tamén é ir ao monte e gozar da natureza, ir ás zonas rurais a ver cogomelos para aprender a identificar especies ou para fotografalas. Mais, a súa recolecta non é o fin fundamental desta disciplina. O micoturismo pode orientarse a pór en valor non só a importancia culinaria e o papel que xogan os cogomelos na existencia do noso ecosistema tal e como hoxe o coñecemos.

—Como afecta o cambio climático aos cogomelos?
Antes as estacións estaban moi marcadas cunhas condicións meteorolóxicas moi reguladas. Os ciclos vitais estaban estruturados en todas as plantas. Actualmente, estamos a ver que na Galiza aparecen algunhas especies de cogomelos máis mediterráneas que anteriormente non crecían no noso país e especies que no pasado nacían con máis frecuencia xa case non aparecen.

Outro problema que se está a dar é que os grandes contrastes de temperatura están provocando que os cogomelos aparezan alterados, é dicir, estas condicións tan irregulares están cambiando a aparencia física dos cogomelos até o punto de que custa identificalos, e isto pode resultar perigoso.

—Onde se dan mellor os cogomelos, en Portugal ou na Galiza?
Na Galiza hai máis de tres mil especies de cogomelos catalogadas e aínda quedan moitas sen nomear. Portugal e a Galiza teñen un substrato moi similar e unhas condicións climatolóxicas semellantes. Isto fai que as especies que podemos atopar nos dous territorios sexan case as mesmas. De forma xeral, crecen nos dous territorios case os mesmos cogomelos. Aínda así, quedan moitas especies por descubrir, nomear e catalogar tanto na Galiza como en todo o mundo.

Os eucaliptos, os grandes inimigos

"Cos eucaliptos viñeron algunhas especies de cogomelos, non comestíbeis, que aparecen de forma moi habitual e que son un pouco invasoras", asevera Alejandro Mínguez. O experimentado divulgador micolóxico sinala a este xornal que o problema máis grave e preocupante dos eucaliptos é que causan o "detrimento do resto de hábitats".

Esta árbore invasora, cada vez máis presente nos bosques do noso país, desgasta moito o solo e ten un impacto moi negativo en todas as especies autóctonas da Galiza. Os soutos, os bidueirais e os piñeirais son as principais vítimas, ao igual que os cogomelos que nacen neses hábitats "que son moitos máis ricos e propicios" para o crecemento deste tipo de fungos. Neste sentido, Alejandro Mínguez ten clara a súa postura: "Cantos menos eucaliptos haxa, para os cogomelos mellor".