A Xustiza suspende a obriga de presentar o certificado Covid na hostalaría

O certificado Covid perde validez ao non solicitar a Xunta o aval da Xustiza (Foto: Arxina).
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza sostén que a medida "carece de vixencia" porque a Xunta non lle trasladou a solicitude e "non foi autorizada xudicialmente".

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) tomba o certificado Covid como exixencia para entrar no interior dos estabelecementos de hostalaría na Galiza.

A obriga de presentar este documentos en bares, restaurantes e locais de lecer nocturno "carece de vixencia porque non foi autorizada xudicialmente", sinala o alto tribunal.

Os maxistrados explican en dous autos notificados esta quinta feira que a Xunta só enviou ao TSXG para someter a autorización a orde do 21 de xullo, na que se estabelecían medidas de prevención fronte ao virus, entre elas limitacións nas reunións, pero non a orde do 22 de xullo, que contiña o requirimento de presentar o certificado Covid-19 en locais de hostalaría e restauración.

Confusión

"Este anómalo proceder por parte da Xunta induciu a confusión", indican os maxistrados, que explican que na resolución emitida a semana pasada na que denegaron a medida cautelarísima solicitada pola Asociación de Empresarios Lugo Monumental para que se suspendese a obriga de presentar o certificado, sen escoitar as razóns da Xunta, "non se fixo ningunha mención ás razóns que se expoñen nestes autos ao dar por sentado que as medidas a cuxa suspensión se instaba foran sometidas á previa autorización do TSXG".

Nese auto, do 6 de agosto, os xuíces non avalaron o requirimento imposto polo Goberno galego, senón que, dado que a tramitación das medidas cautelarísimas supón que non se dea traslado do recurso á Xunta, o tribunal acordou, co obxectivo "de non furtar á Administración a posibilidade de facer alegacións", que se continuase a tramitación do procedemento como unha peza ordinaria de medidas cautelares. Unha vez que o Goberno galego tivese posibilidade de xustificar a adopción da medida fronte ao recurso interposto polos hostaleiros, o TSXG tomaría unha decisión sobre a súa procedencia, aclara.

No cabe recurso

Nos dous autos notificados hoxe, nos que a sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo suspende o requirimento de presentar o certificado Covid-19, denega as medidas cautelarísimas para que se anulase esa obriga solicitadas pola Asociación Liberum e por titulares de estabelecementos de hostalaría, restauración e lecer nocturno de Santiago de Compostela, pois a medida á que instan suspender "xa carece de vixencia na Galiza ao non ter sido autorizada polo TSXG".

Contra os autos non cabe presentar recurso, engade o alto tribunal.