domingo 25/07/21

Hosteleiros galegos rebélanse contra Feixoo e exíxenlle que rectifique as medidas

A Hostalaría Federada Galega (Hosfega) argumenta que "é imposíbel" solicitar certificados oficiais  de vacinación ou probas PCR a toda a súa clientela e exíxelle ao Goberno galego que poña os medios para facelo. O sector augura "situacións problemáticas" para esta fin de semana nos estabelecementos.
Helena Vitoria e Sergio Fernández, presidenta e vicepresidente de Hosfega, onte, diante da Xunta (Arxina)
Helena Vitoria e Sergio Fernández, presidenta e vicepresidente de Hosfega, onte, diante da Xunta (Arxina)

A hostalaría galega reaccionou con indignación diante das medidas anunciadas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, para atallar o aumento de casos nesta quinta onda da pandemia provocada pola Covid-19.

Esta quinta feira mesmo a súa entidade máis importante, a Hostalaría Federada Galega (Hosfega), entregou no rexistro central dos Edificios Administrativos de San Caetano, en Compostela, un escrito solicitando que se modifiquen, e non descartan emprender outras medidas nos vindeiros días. O documento representa máis de 4.000 estabelecementos, 14 asociacións e o redor de 30 colectivos.

A presidenta desta entidade e voceira da Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo), Helena Vitoria, considera que algúns dos apartados que contén "son ilegais", en concreto o da obrigatoriedade de solicitar á clientela un certificado de vacinación ou un documento que acredite ter pasado a enfermidade ou a realización dun test de antíxenos ou dunha PCR negativa realizada 72 horas antes.

"Levamos tempo facendo de policías co control de capacidade, de distancias, de se levan máscara... somos hostaleiras e hostaleiros e non temos coñecemento desa documentación tan complexa", asegura Vitoria, "os controis teñen que facelos as autoridades competentes na materia", engade. 

Auguran situacións problemáticas 

Sergio Fernández, vicepresidente de Hosfega, admite que hai un gran cansazo por parte do sector. "Levamos máis de un ano e medio de restricións con motivo da pandemia e séguense incrementando as medidas semanalmente, polo que para nós é un caos", asegura.

Desde o sector non entenden que se muden as normas tan seguido, ás veces sen tempo para poder preparalas. "Moitos estabelecementos, sobre todo no lecer nocturno, xa non abren e outros que estaban abertos agora fechan", admite Fernández. 

Desde Hosfega seguen defendendo que a hostalaría galega  "nunca foi a responsábel de gromos, ao contrario, é o sector máis seguro". Fernández sinala que algunhas medidas que se aplicaron desde o inicio, como a obrigatoriedade da máscara ou a distancia social "si foron eficaces" mais "con estas outras solaparíanse".

A tensión que vive o sector podería chegar ao límite este mesmo sábado cando se activen as medidas do Goberno galego. A responsábel de Hosfega avisa de que están "ao límite da nosa resistencia" e "é moi posíbel que esta mesma fin de semana comecemos a ver situacións problemáticas e dantescas nos nosos locais" como a circulación de "falsificacións ou xente que non queira entregala". 

Indican que a propia clientela está a pensar que todo o que se fai "é un ataque persoal e non unha medida hixiénico-sanitaria" con casos como o de "resistencia a empregalas ou marchar dos locais". Por este motivo asegura que terá que ser "a Policía quen solicite ao cliente esa documentación, nós non". Argumenta que é "imposíbel facelo" por ter que traballar "coa metade do persoal pola imposibilidade de sacalo dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE)".

Por este motivo non entenderían que a Xunta lles impuxera sancións económicas ou doutro tipo por non acatar estas medidas "que non son realistas". En relación coa posibilidade de que o Goberno galego impida a apertura da hostalaría nalgunhas zonas con alta incidencia, afirman que en realidade "xa vivimos un fechamento encuberto". 

Alén diso, desde Hosfega lembran que unha boa parte do persoal que traballa na hostalaría galega é mocidade que aínda non foi vacinada, polo que, segundo estas medidas, debería realizarse unha proba PCR ou de antíxenos cada tres días para poder estar no interior dos locais, algo inviábel economicamente para o sector.

"Non se poden pensar medidas deste tipo sen deseñar con antelación un protocolo para que se fagan efectivas", cre Vitoria, "e polo de agora non contaron con nós", engade. Hosfega descarta tomar medidas legais contra as novas normas aprobadas esta semana pola Xunta e mesmo volver ás mobilizacións se o Goberno galego non rectifica. 

O Goberno Español non pode controlar os 'botellóns'

Para a hostalaría galega o maior problema desta pandemia en relación aos contaxios sempre foron as reunións privadas e os denominados 'botellóns'. Hosfega mantivo hai dúas semanas unha reunión na Delegación do Goberno español na Galiza co seu responsábel, José Miñones, para tratar sobre este tema. Nela, segundo explica Helena Vitoria, transmitiulles a "incapacidade por falta de efectivos policiais para poder loitar contra os 'botellóns' nos espazos públicos" do país.

Por este motivo a esta entidade sectorial non lle estraña que "coas medidas que está a tomar a Xunta da Galiza a xente duplique as súas reunións e os encontros". Para Vitoria a situación actual é "unha guerra e se están sen efectivos que os busquen, seguimos pagando nós as consecuencias". 

comentarios