Hostaleiros de Santiago presentaron un recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que "complementa" o que xa interpuxo días atrás Lugo Monumental contra a obrigatoriedade de achegar o certificado Covid para acceder ao interior de bares e restaurantes, entre outra documentación, naqueles niveis en que figura como requisito de entrada. É dicir, en concellos no nivel alto e máximo de restricións.
Medida ineficaz
En nome dunha quincena de asociación da hostalaría representantes de varios estabelecementos composteláns reclaman a suspensión cautelar da orde do 22 de xullo da Xunta para facer fronte á Covid.
Consideran que "non é eficaz na contención dos contaxios" ademais de resultar "unha medida criminalizadora contra o sector", criticou o responsábel da Nave de Vidán, Lois Lopes.
A esixencia do certificado Covid, advirten os hostaleiros promotores da reclamación, é un requisito "inxusto, desproporcionado e pode conter algunha cuestión que non é nin legal".
Neste sentido, engaden, "é imposíbel" contrastar se o certificado que mostra o usuario pertence realmente a el ou a outra persona.
500 días de restricións
Doutra banda o colectivo de hostaleiros pon en evidencia outras "inxustizas" como que a partir deste sábado haberá terrazas de locais con licenza de pub que teñan o seu aforamento limitado a 50% e ao seu carón outras de estabelecementos con permiso de bar a 100%.
Lopes censurou que son xa "500 días con restricións continuas" que afectan en maior medida ao lecer nocturno. Límites que rexeitan por seren adoptados "de maneira unilateral" e "non de forma consensuada co conxunto do sector".
Fronte a todo isto, reclaman "alternativas", en concreto, en forma de indemnizacións económicas "que permitan a supervivencia da actividade e dos postos de traballo".
Resposta inminente
Pola súa banda, aseguran estar a pór "toda a carne no asador" para dar aos usuarios "unha garantía na saúde pública", e confróntano co feito denunciado esta terza feira polo conselleiro de Sanidade, de que sexa nas festas privadas onde se produce a maior parte dos contaxios.
O recurso foi presentado a pasada sexta feira, 6 de agosto. Esta teza recibiron a notificación de que se admitía a trámite. "Esperamos que a sala volva valorar a urxencia das medidas, e que a interpretación da sala se corresponda coa doutras comunidades", concluíu Lopes, coa vista posta nunha resposta esta mesma semana.