Veciñanza da Terra de Montes organízase fronte a outros 16 proxectos

Alegan contra os dous parques eólicos proxectados en Lalín

Presentación das alegacións no Rexistro Xeral do Concello de Lalín (Foto: Nós Diario).
Os proxectos eólicos que se prevé construír en Lalín, os de Porcallos e Val do Folgoso, estarían a obviar as afeccións sobre un espazo da Rede Natura 2000. Aliás, os aeroxeradores situaríanse "a apenas tres quilómetros do casco urbano do municipio".

O BNG de Lalín presentou nesta segunda feira, da man do biólogo Martiño Nercellas, unha serie de alegacións contra os dous parques eólicos proxectados no municipio, os de Porcallos (cuxos terreos comprenden tamén parte de Silleda e Vila de Cruces) e Val do Folgoso (alén de Lalín, Dozón e Rodeiro).

No documento cuestiónase, por unha banda, a vulneración do "carácter regulado" e o "principio de proporcionalidade" que estabelece a Lei 24/2013 do sector eléctrico no tocante á planificación eólica, e, noutra orde, as "grandes eivas" no diagnóstico de impacto ambiental.

Deste modo, estaríase a ignorar "que resulta afectado un espazo da Rede Natura 2000 (nos Sobreirais do Arnego), con especies ameazadas como o mexillón do río ou a auganeira". Tamén se excluiría a presenza do lobo na zona, que precisa da adopción de medidas de especial protección.

"Non estamos a falar do típico parque eólico situado no alto dun monte, senón que os terreos se atopan a apenas tres quilómetros do casco urbano de Lalín", lamenta, en conversa con Nós Diario, o portavoz do BNG na corporación local, Francisco Vilariño. Neste senso, salienta que os aeroxeradores se erguerían nas parroquias de Goiás e Maceira, "cun enorme potencial agrogandeiro".

No último pleno, as catro forzas políticas da corporación local acordaron solicitar unha moratoria eólica á Xunta e ao Goberno do Estado, e convidáronos a artellar unha nova planificación baseada na "racionalidade". "Queremos apostar polo rural, mais estamos a destruílo. Pretenden espoliar os nosos recursos para sacar beneficio fóra e que aquí quede o impacto negativo", conclúe o edil nacionalista.

"Xa temos dous parques e nada foi a mellor"

A escasos quilómetros de Lalín, no concello de Forcarei, a veciñanza de diferentes parroquias da Terra de Montes mantivo un encontro este domingo ante a preocupación colectiva pola "invasión eólica" e a "desinformación e desinterese das corporacións dos concellos afectados" polos 16 parques proxectados na contorna.

A isto habería que sumar todas as liñas eléctricas de media e alta tensión que cruzarían o territorio para evacuar a enerxía xerada de cara ás estacións de Silleda, Beariz e Caldas de Reis.

"Nós xa temos dous parques (no Monte Seixo e na Serra do Candán) e non melloraron nada as nosas condicións de vida nin nos baixaron a factura da luz", sinala a este xornal unha das veciñas afectadas.

Aliás, censura que os Gobernos dos municipios en cuestión "semellan non ter interese" ante os "danos irreversíbeis" que provocarían estes proxectos e sobre os que, asegura, carecen de información clara.

Tras esta primeira toma de contacto, as e os veciños, que xa contactaron con outras plataformas sociais do país que rexeitan o inzamento de parques eólicos, reuniranse de novo o vindeiro 2 de maio.