Unha aldea de Vedra rexistra altos niveis de contaminación por químicos

Mapa cos lugares con altos niveis de PFAS, entre eles a Galiza. (Foto: Nós Diario)
Estas substancias resultan prexudiciais para a saúde

Unha aldea galega rexistra altos niveis de substancias perfluoroalquiladas e polifluoroalquiladas (PFAS), unha clase químicos creados para fabricar produtos a proba de auga, graxa e outros elementos. Estas substancias engádense a envases de alimentos como caixas, envoltorios, bolsas ou mesmo tixolas antiadherentes; e tamén en escumas antiincendios ou produtos industriais.

A liberación desta substancia provoca a contaminación da auga e do solo e a súa posíbel transferencia ao gando ou a pesca, o que pon en risco a alimentación humana. Os PFAS foron denominados "forever chemicals" ("químicos para sempre") pois resultan extremadamente persistentes, chegando a durar miles de anos.

Segundo un mapa elaborado por Watershed Investigations, un grupo de xornalistas independentes dedicados á investigación medioambiental, e cuxo traballo se ten publicado en medios internacionais como The Guardian, BBC ou The Times, miles de lugares por toda Europa rexistran altos niveis de PFAS. A Galiza é un deles. Un dos puntos sinalados no mapa de Watershed Investigations é a aldea do Outeiro, en San Pedro de Vilanova, Vedra (comarca de Santiago).

Problemas para a saúde

Se ben os PFAS son un conxunto moi amplo de químicos (case 10.000), algúns deles -como o PFOA e o PFOS- resultan especialmente prexudiciais para a saúde. Dado que son utilizados en diversos produtos relacionados coa alimentación e domésticos, entre outros, provocan unha exposición constante que, aínda en pequenas doses, aumenta o risco de experimentar diversos problemas de saúde, como cancro de ril, colesterol alto, problemas hepáticos, hipertensión ou enfermidades reprodutivas.

Algúns investigadores especializados na química ambiental, como o profesor da Universidade de Lancaster (Reino Unido) Crispin Halsall, mostraron a súa preocupación ante este tipo de concentracións de PFAS. "Se o gando ten acceso as augas contaminadas, os PFAS poden entrar na rede alimentaria humana", sostén Halsall. Segundo os datos recabados, Bélxica é o estado que mostra os niveis máis altos de contaminación en Europa.