Alcaldes dos concellos afectados pola celulosa, de 'excursión' en Portugal con Altri: é ético?

Detalle do anuncio da visita da delegación galega ás instalacións de Altri en Portugal. (Foto: Greenfiber).
Altri convidou alcaldes da comarca da Ulloa a coñecer as súas plantas en Portugal para amosarlles en persoa o seu funcionamento e a súa integración na contorna no que están implantadas.

A compañía lusa informou da súa iniciativa a través dun comunicado no que indicaba o obxectivo da visita, enmarcada dentro da súa política de transparencia: que os responsábeis políticos puidesen ver os niveis de "esixencia ambiental" das súas fábricas de Portugal.

Á viaxe foron convidados os máximos responsábeis dos seis concellos da zona, aínda que finalmente asistiron os rexedores de Palas de Rei, Pablo Taboada, e de Monterroso, Eloy Pérez, ademais dun concelleiro de Antas de Ullao, tenente de alcaldesa, José Manuel Quintá, que foron recibidos a pasada sexta feira polo alcalde de Vila Velha de Rodao, onde se empraza a planta de Biotek.

Foi a primeira das dúas factorías de fibras celulósicas que visitaron esa xornada. A segunda, a de Celbi, en Figueira da Foz.

Códigos éticos

Excelencia, innovación, investimento, respecto polo medio ambiente... foron eixes dos discursos que escoitaron os políticos galegos, que viaxaron acompañados por unha delegación de xornalistas de La Voz de Galicia, El Progreso e Faro de Vigo.

Mais é ético que Altri leve os alcaldes da Ulloa de 'excursión' a visitar as súas instalacións en Portugal?

En conversa con Nós Diario o avogado Xoán Antón Pérez Lema considera, de inicio, "que este tipo de cousas deberían estar reguladas a nivel de códigos éticos das administración públicas".

Estes alcaldes o único que teñen é capacidade indirecta de formación de opinión

Dadas as características do proxecto que Altri pretende asentar en Palas de Rei, "é importante que os alcaldes teñan toda a información ao respecto, teñen a obriga de formar unha opinión e de escoitar os de Altri, mais o que deben procurar os gobernantes locais é arbitrar sistemas de transparencia para evitar que iniciativas coma esta supoñan unha viaxe de vacacións a gastos pagos".

Os detalles da viaxe

Pérez Lema xustifica a iniciativa da empresa sempre que no transcurso da viaxe non medie ningún tipo de "luxo e agasallos" e o percorrido achegue un coñecemento valioso sobre a tecnoloxía, os procesos e as implicacións reais que o proxecto de Altri terá en Palas de Rei e na súa contorna. "As condicións en que se viaxa deberían ser transparentes".

Outras fontes xurídicas consultadas por este xornal inciden na mesma idea, nos detalles da viaxe máis aló dunha visita de traballo que, en principio busca dar a coñecer o funcionamento dunha factoría en concreto.

"O problema no caso de Altri é que existe un conflito", con boa parte da veciñanza, do tecido asociativo e mesmo de agrupacións políticas locais en contra do proposta industrial proxectada por Altri. "Se a iniciativa viñese dunha empresa que non ten ningún tipo de impacto ambiental, habería algún problema? Xurdiría esta mesma pregunta? Non".

Falta de pluralidade

A clave está nos pormenores da viaxe, indican estas fontes xurídicas, programada como estratexia da empresa para influír na opinión dos alcaldes e medios de comunicación que finalmente aceptaron o seu convite. "O que se pode cuestionar é o plan da empresa que non estendeu a súa invitación a todos os medios e que seguramente deseñou un percorrido controlado e uns discursos dirixidos a gabar as bondades do seu negocio, non os impactos negativos. Informarán os medios convidados por Altri aos que lles pagou a viaxe de forma crítica e obxectiva?".

O que se pode cuestionar é o plan da empresa que non estendeu a súa invitación a todos os medios e que seguramente deseñou un percorrido controlado e uns discursos dirixidos a gabar as bondades do seu negocio

Neste sentido, a falta dunha proposta "transparente e plural" aberta a todos os alcaldes, a todos os grupos políticos e a todos os medios de comunicación deita certas reservas sobre o carácter ético e obxectivo da viaxe organizada estes días por Altri, afirman.

Por último, Xoán Antón Pérez Lema apunta unha "dúbida adicional" sobre o convite de Altri a autoridades locais cuxo marco competencial se ve "desprazado" no marco dun proxecto industrial prioritario declarado pola Xunta da Galiza. "Estes alcaldes o único que teñen é capacidade indirecta de formación de opinión. Non poden estabelecer ningún requisito urbanístico nin medioambiental porque xa veñen dado e están desprazados na cuestión da concesión da licenza".