'Nós Diario' accede ao documento que confirma que EDP contactara o Concello en 2020

O alcalde de Monfero tería ocultado información sobre os parques eólicos

Mobilización da plataforma Monfero di Non en contra dos parques Pena do Corvo e Taboada (Foto: Nós Diario).
O Concello de Monfero coñeceu en outubro de 2020 os plans de EDP Renovables en relación ao parque eólico Taboada, cuxas turbinas ficarían a escasos metros das Fragas do Eume. Porén, o alcalde, Andrés Feal, insistira en máis dunha ocasión en que non recibira tal notificación, que onte se fixo pública grazas á intervención dun edil do Goberno local. A veciñanza pide agora a dimisión do rexedor.

A empresa EDP Renovables informou o Concello de Monfero o 23 de outubro de 2020 da súa intención de construír dentro do seu termo municipal o parque eólico Taboada, conformado por doce aeroxeradores e unha potencia total instalada de 74,4 MW. Así consta na documentación achegada pola promotora ao Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco); porén, o alcalde, Andrés Feal (PSOE), asegurara á veciñanza en repetidas ocasións que non tivera coñecemento das intencións de EDP Renovables até que o proxecto iniciou a súa tramitación este verán.

Tamén negara ter información sobre o parque eólico Pena do Corvo, promovido por Iberdrola no mesmo emprazamento, a escasos metros do parque natural das Fragas do Eume —ambos os parques están proxectados no mesmo emprazamento e tanto as poligonais coma os aeroxeradores solaparíanse entre si de se aprobaren os dous, tal e como informou recentemente este xornal—.

"Ninguén contactou connosco, ouvimos rumores de que ían facer un estudo, mais non soubemos nada até ler o BOE. Coa lexislación actual, os concellos practicamente non pintamos nada nestas cuestións", afirmara Feal a Nós Diario o pasado 10 de xuño.

Tamén no caso deste parque, segundo o Miteco, Iberdrola tería enviado o documento de consultas previas ao Goberno local —o 27 de novembro de 2020—.

Dificultades para acceder ao Rexistro

Após teren constancia de que a corporación política do Concello da Capela si recibira o 23 de outubro do pasado ano a información referida ao parque eólico Roidiz —que forma parte do mesmo plan de explotación de EDP Renovables na comarca—, a veciñanza volveu insistir, sen éxito, na súa petición.

Tamén un concelleiro do BNG pediu acceder ao Rexistro e, dado que non obtivo resposta nos cinco días posteriores, en virtude do disposto na Lei 7/1985 de regulación das bases do réxime local, considérase como aprobada a solicitude de transparencia.

"Estiven confinado até hoxe [por esta quinta feira] e non puiden asistir ao concello. Falei co alcalde e díxome que o secretario estaba de vacacións e que el non sabía como darme acceso. Hoxe [quinta feira] fun a primeira hora e a funcionaria que me atendeu dixo que tiña que agardar a que chegase o alcalde, e cando por fin o atopei, xa entrando no coche para marchar, replicoume: 'Ten que ser agora?'. Pediume que agardase dous minutos; fiquei aquí unha hora e media e non volveu", sinala o edil a este xornal.

Filtración do documento

Na mañá desta quinta feira, o tenente de alcalde, Alberto Cortizas (PSOE), consultou finalmente o Rexistro e facilitou á plataforma veciñal o documento —ao que tivo acceso Nós Diario— que confirma que EDP Renovables se puxo en contacto co Concello o pasado ano. "A xente pedía transparencia e eu accedín ao Rexistro porque crin que era o mellor", indica Cortizas a este xornal.

A respecto das palabras do rexedor, co que este xornal intentou sen éxito contactar nesta quinta feira, o tenente de alcalde sinala: "A explicación que nos deu foi que posibelmente algún funcionario do Rexistro derivara o documento directamente ao departamento de Urbanismo, mais el reitera que non lle chegou ou que, en todo caso, non se lembra".

Veciños piden a dimisión de Andrés Feal

Logo de coñecer estes feitos, desde a plataforma exixen a dimisión do alcalde: "O alcalde ocultou información sobre os parques eólicos e mentiu en reiteradas ocasións ao asegurar que non recibira ningunha notificación, mesmo chegara a dicir que as promotoras agora xa non envían o documento de consultas aos Concellos", apunta Iñaki López, membro deste colectivo.