Seis colectivos ecoloxistas alegan contra o parque eólico Meirama

Imaxe de arquivo do parque eólico de Paradela, no Camiño Francés (Foto: Europa Press).
Este proxecto, declarado "de utilidade pública", comparte infraestruturas co parque eólico das Encrobas. Ambos os dous promóveos Naturgy.

Medra a presión social contra os parques eólicos proxectados por Naturgy na contorna da central térmica de Meirama, que afectarían os concellos de Carral, Cerceda e Ordes.

Así, os colectivos SOS Encrobas, Petón do Lobo, Adega, Sindicato Labrego Galego, Ecoloxistas en Acción e Salvemos a Comarca de Ordes están a preparar arredor de 300 documentos de alegación en contra do parque eólico denominado Meirama.

Cómpre salientar, como xa informou nesta cuarta feira Nós Diario, que o Diario Oficial da Galiza (DOG) vén de someter a información pública o parque eólico das Encrobas, promovido tamén por Naturgy na mesma contorna, e que sumaría outros catro aeroxeradores aos trece do proxecto Meirama.

Aliás, segundo figura na documentación achegada pola empresa enerxética, ambos os dous compartirían infraestruturas, polo que podería tratarse dun caso de "fragmentación artificiosa" tendo en conta que a potencia total dos parques sería de 69,5 megawatts (MW), polo que, de se tramitaren como un único proxecto, deberían ser tramitados a través do Estado por superaren os 50 MW.

"Desde SOS Encrobas lanzamos unha alerta de espolio e incidimos na importancia de aumentar aínda máis a mobilización social e colectiva. Ou paramos todas estas iniciativas ou converterán toda a zona en industrial para lucro propio", alerta a entidade, a través dun comunicado.

Así mesmo, fai fincapé no feito de que tanto As Encrobas coma Meirama fosen declarados "de utilidade pública" —permitindo a expropiación dos terreos—, xa que, afirman, "a utilidade pública é nula porque están proxectados para beneficio único e exclusivo da promotora".

SOS Encrobas convida a veciñanza interesada a unha reunión informativa que decorrerá mañá no Campo da Feira de Cerceda para informar sobre o procedemento para presentar alegacións, cuxo prazo remata o 7 de setembro para o parque Meirama e o 19 para o das Encrobas.