A Confraría de Noia critica que a Xunta a "aparte" nos recursos contra San Finx

Marisqueo na ría de Noia (Foto: Nós Diario)
Avanzan que recorrerán a decisión "de forma inmediata" ante o TSXG

A Confraría de Pescadores de Noia denunciou onte que a Xunta "trata de apartala" dos recursos para intentar paralizar o vertido autorizado á mina de San Finx, en Lousame (comarca de Noia) e avanzou que recorrerá a decisión de forma "inmediata" ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) e "non descarta iniciar novas accións pola vía penal" fronte aos altos cargos responsábeis "de confirmarse os indicios dun posíbel delito de prevaricación".

Mentres que a Xunta nega que lle cause indefensión a situación adoptada pola Secretaría Xeral Técnica de rexeitar a lexitimidade da confraría para pedir a suspensión cautelar da autorización; os responsábeis da entidade pesqueira advirten de que a decisión do titular dese departamento, Joaquín Macho Canales, "é manifestamente ilegal e responde a unha tentativa desesperada de apartar ao pósito noiés do proceso xudicial". 

Neste sentido, a entidade sinala que a propia Augas da Galiza recoñecera a confraría como parte interesada no procedemento, "notificándolle todos os trámites durante os sete anos nos que se prolongou o expediente". 

A Confraría de Pescadores de Noia denunciou que a Xunta non considere agora esta institución como representativa dos intereses económicos de case 2.000 mariscadores e mariscadoras que traballan nos bancos da ría de Muros e Noia e os 17,5 millóns de euros de facturación de 2021 e que isto no xustifique o interese no caso. 

Ademais, para esta entidade, a decisión de Macho Canales é "particularmente grave" porque ocupou cargos de subdirector xeral e vicesecretario xeral da Consellaría do Mar, "coñecendo persoalmente a situación do sector e as responsabilidades do pósitos".

En febreiro, Augas da Galiza concedeu autorización de vertido das augas residuais da mina de San Finx que "cumpría os parámetros exixidos" segundo a Xunta. Porén a Confraría de Noia presentou un recurso para a suspensión cautelar dos vertidos.