Só 25% dos convenios actualizan o salario co IPC real

Os aforradores galegos perderon 5.097 millóns no último ano pola inflación

A suba da electricidade está disparando a inflación.

A inflación está disparada na Galiza. Os prezos incrementáronse desde febreiro de 2021 8%, empurrados de forma moi particular pola suba da enerxía. Mentres determinados sectores económicos paralizan a súa actividade, o Banco Central Europeo (BCE) adianta a outono a retirada dos estímulos actuais.

A inflación medra na Galiza por riba da media do Estado. Segundo os datos achegados onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE), os prezos incrementáronse no último ano na Galiza catro décimas máis que no conxunto do territorio estatal. Neste sentido, o INE rexistra unha suba dos prezos para o país entre febreiro de 2021 e o mesmo mes de 2022 de 8%, fronte a 7,6% da media estatal. Malia que neste último mes a suba do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) na Galiza foi inferior ao do Estado, a inflación disparouse nalgúns dos sectores económicos empregados para fixar o índice.

As subas máis elevadas dos prezos veñen marcadas pola vivenda, a electricidade e o gas así como polo transporte. Pese a tratarse febreiro dun mes tradicionalmente nada inflacionista, como consecuencia do efecto rebaixas na cesta da compra, o INE sitúa a alza da vivenda, a electricidade e gas en 0,9%, mensual e 29,4% anual. Precisamente o prezo da electricidade, que ascendeu no último ano arredor de 1.000%, veu marcado os seus picos máis levados pola tecnoloxía hidráulica, agardándose unha suba moito máis elevada para marzo. Asemade, o trasporte rexistrou unha alza mensual do IPC de 2,9% para marcar no último exercicio un rexistro de 12,8%.

O incremento da enerxía e dos hidrocarburos está a provocar paros e protestas en diversos sectores da actividade económica. Así, o xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), Hixinio Mougán, advertiu onte das “dificultades extremas” que están pasando “agricultores e gandeiros” e avanzou que “a situación actual pode animar máis agricultores e gandeiros a abandonar a súa actividade”. Nesa liña puxo o foco na “alza dos custos de produción” e nas “dificultades para fornecer algúns bens de produción”.

Alza de prezos

“Os custos de produción están esaxerados”, sinalou Mougan, indicando que “os pensos subiron no que vai de xaneiro de 2021 a febreiro de 2022 un terzo e se contamos desde agosto de 2020, que foi cando comezaron a escalar, arredor de 50%”.

“Así, por exemplo, materias primas como o millo, que estaban hai un ano a 129 euros agora custan 450 euros”, explica Mougan, que se manifesta “moi preocupado non só pola escalada de prezos senón polo subministro de materias primas”. A este respecto, recalcou que “o impacto máis importante dos custos ligados coa gandaría márcanola unha senda de especulación de materias primas que a Unión Europea debe frear”.

O impacto da inflación no aforro é directo. A desvalorización deste como consecuencia da alza do IPC é moi grande, concretamente após alcanzar máximos históricos durante a pandemia como consecuencia da mudanza dos hábitos de consumo e das cautelas adoptadas nunhas circunstancias excepcionais. Neste caso a súa incidencia ten sentido de clase, pois afecta de forma especial aos pequenos e medianos aforradores, sendo moi escasos os grandes patrimonios e rendas, ben asesorados financeiramente, que apostan por esta modalidade, optando maioritariamente por vehículos de investimento

Unha suba de 8%

Os últimos datos do Banco de España, referidos aos tres primeiros trimestres de 2021, sinalan que o total dos depósitos custodiados polos bancos presentes na Galiza ascenden a 73.849 millóns de euros. Rexistrándose no último ano unha inflación para o conxunto da Galiza de 8%, a capacidade adquisitiva real deses aforros fronte ao valor efectivo desa cantidade un ano antes é de 5.907 millóns de euros menos. Precisamente esta variábel presenta unha incidencia moi importante na Galiza por se tratar dun país cunha importante capacidade de aforro neto, que supera a media estatal.

A perda de poder adquisitivo entre as persoas asalariadas é evidente. O secretario de Negociación Colectiva da Confederación Intersindical Galega, Francisco Sío, indicou a Nós Diario que a central sindical cifra en “11% a caída do poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras desde 2008”. “Os anos 2009, 2010 e 2011 non foron malos, o problema comezou en 2012 con enormes perdas como consecuencia da reforma laboral”, aseverou Sío, que lamentou que “a cláusula de descolgue segue sendo efectiva coa nova lexislación aprobada polo Goberno do Estado tras o seu pacto con Comisións Obreiras, UXT e a patronal”.

A situación complícase máis atendendo á porcentaxe de convenios que inclúen a chamada cláusula de garantía salarial, unha disposición pensada para garantir a capacidade de compra en ciclos inflacionistas, que segundo a CIG só cobre 25% dos acordos entre traballadores e empresarios para 2022

As causas reais da suba da inflación

A suba da inflación pon en cuestión o argumento neoliberal que liga a alza dos prezos ao incremento da masa monetaria. Malia as políticas expansivas aplicadas polos diversos bancos centrais, o aumento do IPC só se fixo presente tras a suba da enerxía. Porén, o BCE europeo recoñeceu onte a súa decisión de rematar cos estímulos para outono, abrindo a porta á volta da austeridade e a unha nova crise da débeda pública.

Neste contexto, os economistas heterodoxos negan que a alza da inflación estea vinculada ao conflito bélico en Ucraína. Así, Juan Torres López afirma que “non é verdade, como se quere facer crer, que sexa a invasión criminal de Putin o que está a producir a suba, agora desorbitada, iso si, do prezo da enerxía en Europa” senón “os privilexios das grandes empresas eléctricas e o consentimento da autoridades europeas”.