Adif cualifica de "discriminatorio" a negativa da Xunta de cofinanciar áreas da intermodal de Lugo

Reunión telemática entre a Xunta da Galiza, o Concello de Lugo, Adif e mais o Ministerio o 28 de setembro de 2020 (Imaxe: Concello de Lugo).
A entidade estatal empraza a Xunta a presentar o seu primeiro proxecto de cofinanciamento deses espazos, cos traballos xa avanzados.

Adif, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, cualifica de "discriminatorio" que a Xunta da Galiza se negue a cofinanciar as áreas comúns da estación intermodal de Lugo, fronte aos acordos alcanzados noutras estacións galegas.

Faino logo do encontro telemático que mantiveron onte o ente estatal,  o Ministerio de Transportes, a Administración local lucense e mais a propia Xunta.

Nel, non se chegou a ningún acordo respecto a esas áreas comúns, fundamentalmente o aparcadoiro subterráneo e os accesos.

As partes implicadas acordaron repetir a reunión nun prazo de sete días, o mesmo que o ente ferroviario ofrece á Administración galega para que presente a súa primeira proposta de cofinanciamento do complexo

O Adif lémbralle que os proxectos se atopan "nun estado moi avanzado a pesar da falta de acordo para a subscrición do Convenio".

A maiores, tanto Adif como o Concello de Lugo solicitaron á Xunta que modifique a cualificación do edificio de Correos, que figura como protexido condicionando as obras. As dúas institucións consideran que o edificio non reúne os requirimentos para esta clasificación e piden unha rectificación.