Un acordo a tres bandas permite desbloquear a intermodal da Coruña

Unha reunión de traballo das tres partes cando aínda gobernaba a Marea. (Foto: Concello da Coruña)
ADIF, o Goberno local e a Xunta asinaron un convenio para sacar adiante esta infraestrutura. A súa construción vai con atraso respecto das demais das grandes cidades polos enfrontamentos entre o anterior Executivo municipal da Marea Atlántica e a Consellaría de Infraestruturas.

A estación intermodal está, desde hoxe, un pouco máis preto de ser unha realidade. Após varios anos de bloqueo no proxecto polos enfrontamentos entre o Goberno local da Marea Atlántica e a Xunta da Galiza, un acordo entre o novo grupo de goberno municipal, ADIF e o Executivo galego permitirá seguir adiante co proxecto.

A rexidora da cidade, Inés Rey, amosou a súa satisfacción polo acordo acadado, que se apoia nun convenio a tres bandas para a construción da infraestrutura no entorno da actual estación de trens de San Cristóbal.

"Este acordo vai permitir que se constrúa unha infraestrutura que permitirá mellorar a mobilidade non só da cidade, senón de todo o cinto metropolitano", destacou a alcaldesa.

Acusacións mutuas

Para o seu equipo era "unha prioridade desbloquear" a iniciativa, dado o tempo de paralización que levaba acumulado.

Malia que a da Coruña estaba prevista como unha das primeiras intermodais da Galiza, os continuos desencontros e acusacións entre a Consellaría de Infraestruturas e o departamento de Urbanismo dirixido, por aquel entón, polo concelleiro Xiao Varela, fixeron que a actuación quedara de última na programación.

De feito, houbo bastante tempo no que non había datas claras. A Marea descartou o plan existente e, após varias réplicas e reparto das culpas mutuas, a Xunta explicou que o cambio de proxecto conlevou a reasignación dos fondos ao resto de estacións intermodais para non perdelos, pois segundo as mesmas fontes viñan desde a Unión Europea.

A procura de orzamento noutras partidas e as malas relacións entre as dúas institución deron como resultado a parálise e xestión de outras como a de Ourense. Agora, o Goberno municipal do PSOE avanza que sacará a concurso antes de que finalice 2020 a execución dos accesos pola avenida do Ferrocarril.

Uns 80 millóns de euros

Así mesmo, Rey lembrou que xa está aprobada a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PGOM) no barrio da Sardiñeira. Así se poderá avanzar na iniciativa, "que ten un coste estimado duns 80 millóns de euros entre as tres administracións".

O acordo asinado hoxe inclúe, entre outras medidas, a creación dunha pasarela entre as avenidas da Sardiñeir e do Ferrocarril. Nun primeiro momento estará destinada a peatóns e ciclistas "mais está previsto ampliala ou completala cunha nova para darlle espazo ao tráfico rodado".