Ourense sae á rúa por unha intermodal digna

Proxecto actual para a creación da intermodal de Ourense.
A plataforma cidadá Tren Digno Ourense, por unha integración do Tren de Alta Velocidade (TAV), convoca unha concentración esta terza feira, ás 20 horas, fronte ao centro de saúde do barrio da Ponte.

"Non afoguen o centro de saúde. Por unha intermodal digna". Con este lema, a plataforma Tren Digno Ourense convoca a cidadanía ourensá a mobilizarse en defensa dos intereses veciñais, do barrio da Ponte e do seu centro médico. Segundo denuncia a entidade, está en perigo, xa que o proxecto actual para a construción da estación intermodal da cidade prevé a edificación da estación de autobuses ao redor do centro sanitario.

"O proxecto actual da Xunta condena o centro a ser un espazo acurralado por fumes e ruídos", denuncia o movemento nas súas redes sociais; e engade que ese feche suporá unha ameaza para a saúde e a tranquilidade de usuarias e profesionais.

É so un dos argumentos da plataforma veciñal, que asegura estaren a tempo de rectificar o proxecto da intermodal. O seu deseño actual, mantén, "impide crear novas rúas, xera un muro de nove metros de alto e ten unhas pendentes de acceso de 12%".

A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.