A intermodal de Ourense entra en campaña

A Plataforma logrou congregar centos de persoas na súa última convocatoria, o pasado mes de xaneiro. (Plataforma Tren Digno)
A plataforma Tren Digno de Ourense convoca esta tarde unha nova mobilización para amosar o rexeitamento cívico da veciñanza aos plans da Xunta para a estación intermodal da cidade e sumar voces en favor dunha infraestrutura. Para o colectivo, a cita coas urnas do 5-A é unha "arma poítica moi importante", que chama a empregar facendo "voto de sanción" a quen non apoiou unha terminal da que depende, aos seus ollos, o futuro da cidade e da comarca. 

Cando a plataforma Tren Digno de Ourense convocou para esta tarde –20 horas, diante do edificio administrativo da avenida da Habana coñecido como a Casa do Chocolate– unha nova mobilización na defensa dunha estación intermodal "de futuro" aínda non se coñecía o adianto electoral. Para o portavoz do colectivo, Jesús María Pérez, a chamada ás urnas do 5 de abril dálle a esta convocatoria unha nova dimensión. "Por primeira vez Ourense ten unha arma política para este 5-A, data na que a cidade se xoga moitísimo. Aquel partido que non reivindique o que está a reclamar a cidadanía, que non defenda unha intermodal digna e o progreso, ten que ser sancionado, porque o futuro de Ourense pasa pola súa intermodal", advirte, en declaracións a Nós Diario.

En consonancia, a plataforma chamaba onte, durante unha convocatoria pública, a aplicar nas próximas eleccións galegas un "voto sanción" polas decisións tomadas até agora pola Xunta en relación coa intermodal, ao tempo que lle reclama "cordura" e non seguir adiante coa execución da nova estación de buses a carón do centro de saúde do barrio da Ponte. 

"Sen partidismos"  

"A Xunta sabe que agora os prazos da intermodal xa non dependen dela e por iso apura a estación de buses, para condicionar o proxecto global, cando aínda non está claro como vai ser definitivamente", sostén Pérez, quen reclama a recuperación da proposta do equipo de Norman Foster, gañador, en 2011, do concurso para o deseño da infraestrutura, e desbotado posteriormente polo seu custo. 

Da proposta da consellaría que encabeza Ethel Vázquez para os buses, o colectivo cívico rexeita as afeccións que, ao seu criterio, terá esa estación sobre o centro sanitario, o muro que prevé para a avenida de Marín ou o "estrangulamento do tráfico" que, segundo alerta, se producirá na rúa Euloxio Gómez Franqueira. 

"A plataforma non é partidaria, o seu único fin é reivindicar unha intermodal digna e unha entrada do AVE a Galiza por Ourense", quere recalcar Pérez e, nese sentido, recorda que tentou reunirs, tanto co presidente do PP ourensán como co alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome –DO–, sen éxito até o momento.

Tamén ten solicitadas reunións "urxentes" coa máxima resposnábel de ADIF, Isabel Pardo de Vera, e co Ministerio de Mobilidade, para coñecer "antes das eleccións" o posicionamento dos actores implicados no proxecto. 

Nas últimas semanas, o colectivo mantivo xuntanzas con representantes do PSOE ourensán, do BNG e de Ciudadanos, e teñen colleitado tamén o apoio de Grupo Común da Esquerda nas súas peticións, ademais do dos colexios profesionais de arquitectura e aparelladoras.