Adega busca paralizar o proxecto eólico Monte da Croa que afectaría até 26 especies protexidas

Lugar en que se pretende instalar o parque eólico Monte da Croa (Foto: Adega).

O polígono eólico Monte da Croa, promovido inicialmente por Villar Mir Energía SLU, e transferido á empresa Cartera Vimira 24, SLU, afecta os concellos de Vimianzo e Dumbría, concretamente, ás parroquias de Cambeda, Castrelo, Baíñas e Berdoias.

O pasado día 16 de maio, a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) lanzaba a campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos para conseguir fondos para emprender accións xurídicas contra os proxectos eólicos autorizados pola Xunta da Galiza en xaneiro deste ano, e que son produto dun “modelo enerxético desordenado, insustentábel e inxusto co pobo galego”.

Unha semana despois do lanzamento da campaña e do seu primeiro reto, Adega propón un segundo desafío: recadar o importe necesario para poder recorrer no Tribunal Superior de Xustiza da Galiza o proxecto eólico Monte da Croa, promovido por Villar Mir Energía SLU na Costa da Morte, nos concellos de Vimianzo e Dumbría (comarcas de Terra de Soneira e Fisterra respectivamente), e cuxa autorización, outorgada pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta, foi feita pública no DOG o pasado 11 de maio.

Para alcanzar este segundo desafio #TPP (ou #TiPodesParalos) correspondente ao parque eólico Monte da Croa, a asociación ecoloxista galega pon a disposición pública desde esta terza feira unha plataforma online.

Monte da Croa

O polígono eólico Monte da Croa, promovido inicialmente por Villar Mir Energía SLU, e transferido á empresa Cartera Vimira 24, SLU, afecta os concellos de Vimianzo e Dumbría, concretamente, ás parroquias de Cambeda, Castrelo, Baíñas e Berdoias, fechando un círculo de aeroxeradores arredor da capital da Terra de Soneira e a poucos metros de varias aldeas, especialmente: Lavandeira, Piñeiros, Sanfíns e Rasamonde.

Os sete aeroxeradores que o conforman, que suman unha potencia total de 27,90 Megawatts (MW), están agrupados en dous conxuntos separados entre si por varios quilómetros, polo que as infraestruturas afectan “unha superficie desproporcionada na cal habitan até 26 especies con distintos graos de protección, como a salamántiga rabilonga, a víbora de Seoane ou as aves migratorias que visitan as lagoas de Castrelo”.

Ademais, desde hai máis dun lustro, está confirmada a presenza nesa zona “dunha manda estábel de lobos, cuxa zona de cría se ocuparía con varios do aeroxeradores”, sinalan desde Adega.

O impacto do macroproxecto sobre o patrimonio cultural tamén “é moi relevante, pois sitúase nunha área que, por si soa é un museo etnográfico ao ar libre, nas que se rexistran polo menos: sete eiras de mallar, 21 muíños hidráulicos, 64 fornos de pedra, 99 hórreos... E outros elementos como fontes ou lavadoiros cuxos acuíferos se poden ver afectados polas obras na contorna de mananciais. Tamén afecta as necrópoles megalíticas de Baíñas, que nese punto conta cunhas 20 mámoas. E a varios achados arqueolóxicos de Castrelo, como o Castro do Sino”, acrecentan desde Adega.

O outro conxunto eólico está xusto entre o petróglifo do Cotriño, os 14 muíños fluviais de Cambeda, as 6 mámoas da parte de Caxadas e as 7 mámoas da parte de Rasamonde, e “deixaría a turística vila de Vimianzo sen ningún punto do seu horizonte libre de eólicos ou liñas de alta tensión”.

O efecto acumulativo do cento de eólicos en funcionamento no Concello de Vimianzo, máis os que están en tramitación, fai que este desenvolvemento industrial sexa “incompatíbel cos nosos ecosistemas e coa propia convivencia humana, un problema que afecta toda a Costa da Morte. Lembramos que a propia Xunta da Galiza, nunha Declaración de Impacto Ambiental de xaneiro de 2023, recoñeceu que entre Vimianzo e a ría de Noia non caben máis eólicos porque xa están a afectar ás aves”.

O obxectivo mínimo de recadación colectiva estabelecido por Adega para poder completar con garantías todas as accións xurídicas vinculadas co recurso da autorización previa e de construción do parque Monte da Croa nos tribunais pasa por acadar 7.300 euros.

Porén, a recadación establecerase en dúas fases. A primeira terá unha duración de un mes desde esta terza feita, até o 23 de xuño, será preciso acadar a metade do importe total, é dicir, 3.650 euros, o que garantirá a presentación por parte de Adega do pertinente recurso administrativo de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental, alén de poder cubrir outros gastos de xestión. Nunha segunda fase, procurarase lograr outro tanto para a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, así como á solicitude de paralización cautelar.