Adega valora levar aos tribunais o parque eólico O Picato, o primeiro de Lugo

Na Galiza hai máis de 4.000 aeroxeradores eólicos en funcionamento. (Foto: Pedro Sala)
As instalacións proxéctanse "nunha zona moi sensíbel, na reserva da biosfera, en zona de protección de aves".

A asociación ecoloxista Adega estuda recorrer ante a Xustiza a creación do parque eólico do Picato, o primeiro que se situará no concello de Lugo, que se adxudicou a Naturgy e que contempla a instalación de once muíños.

Unha das portavoces de Adega, Lucía Anido, sinalou esta cuarta feira que, alén das accións xudiciais pertinentes, prevén levar a cabo mobilizacións contra un proxecto que foi aprobado de forma definitiva o pasado 20 de outubro polo Consello da Xunta.

"Agora cabe unha acción xudicial, porque ese parque aprobouse en decembro de 2021 —cando recibiu as autorizacións previas e de construción—, e estase valorando a posibilidade de levalo aos tribunais", valorou.

Desde Adega demandan tamén máis información sobre esta infraestrutura, xa que os veciños de Lugo apenas coñecen "nada". Lucía Anido avisou de que este parque eólico fica "nunha zona moi sensíbel, na reserva da biosfera, en zona de protección de aves", alén de que parte do Camiño Primitivo a Santiago "está dentro da área poligonal do parque".

Tamén alertan dunha "grave afección paisaxística en todos os núcleos ao seu redor". "Vai estar perto das casas, son muíños de 150 metros e en Lugo toda a panorámica da cidade que vai cara ao oeste van ver estes muíños, porque é xusto a serra á beira da cidade", agregan.

Por parte de Adega "mantense un posicionamento en contra de como se está a desenvolver a enerxía eólica" no conxunto do país, reiteran, logo de denunciar esta terza feira que a última modificación lexislativa do Goberno español "entrega 88% do territorio galego á especulación eólica".