Adega recupera a campaña 'Ti podes paralos!' para recorrer ante a xustiza "a depredación eólica"

Parque eólico na serra do Candán. (Foto: Arxina)
A campaña ‘Ti podes paralos!’ rexorde sete meses despois de ter “conquistado un éxito sen precedentes, ao lograr en tan só unha semana o importe necesario para poder afrontar as caucións impostas polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza e así dar efectividade á paralización cautelar dos proxectos eólicos Bustelo e Campelo”.

“Tras a negativa da Xunta e do Estado español a escoitar os milleiros de voces que reclamamos nos últimos dous anos por todas as vías posíbeis unha transición enerxética xusta e sustentábel e unha planificación eólica por e para o pobo, non nos queda máis remedio que intentar frear nos tribunais a actual avalancha eólica depredadora e especulativa cos recursos de todos os galegos e galegas”.

Así anuncia a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) a recuperación da campaña ‘Ti podes paralos!’ co obxectivo de “recorrer na xustiza a nova vaga eólica”.

“É a única forma posíbel de poder emprender accións xudiciais contra boa parte dos 75 proxectos macroeólicos aprobados pola Xunta da Galiza o pasado 25 de abril, e que exercerán potencialmente danos ambientais, culturais e sociais irreversíbeis para o país”, salientan desde Adega.

A campaña ‘Ti podes paralos!’ rexorde sete meses despois de ter “conquistado un éxito sen precedentes, ao lograr en tan só unha semana o importe necesario para poder afrontar as caucións impostas polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza e así dar efectividade á paralización cautelar dos proxectos eólicos Bustelo e Campelo”.

Agora, Adega recupera esta campaña coa esperanza de que a “solidariedade colectiva volva contribuír a un reto histórico para o país: defender o rural e o medio ambiente galegos da actual depredación eólica nos tribunais, emprendendo accións xurídicas contra a maior parte dos proxectos macroeólicos depredadores autorizados pola Xunta e o Estado español na recente vaga eólica”.

Acorde coa súa misión e valores, desde Adega aseguran que se dará prioridade a aquelas accións xurídicas fronte a proxectos eólicos autorizados que teñan un especial impacto negativo sobre o patrimonio natural e cultural da Galiza, mais tamén promoverá campañas de recadación na defensa do territorio que conten cun forte apoio social e que consigan dar viabilidade económica aos procedementos xudiciais en vía contencioso-administrativa.

Adega inicia a nova xeira de “Ti podes paralos!” co lanzamento dunha campaña de recadación solidaria específica para poder recorrer nos tribunais o proxecto eólico Rodicio II, aprobado nos concellos de Maceda e Montederramo, e cuxa autorización foi publicada no DOG o pasado día 8 de maio.

O proxecto aprobado, lembran desde a organización ambientalista, prevé a instalación de 2 aeroxeradores de 180 metros de altura e de máis de 10 megawatts (MW) de potencia a escasa distancia do espazo natural protexido e zona de Rede Natural ZEC Bidueiral de Montederramo.

Os impactos deste complexo eólico sobre a avifauna, especialmente nas poboacións de rapinas ameazadas, “poderían ser letais, pois sitúase moi perto dunha área prioritaria para a preservación da avifauna e é área de campeo da aguia real (Aquila chrysaetos) e do millafre real (Milvus milvus), ambas consideradas ‘en perigo de extinción’ nos catálogos galego e español de especies ameazadas”. Ademais, o Rodicio é un dos principais “sitios de interese” ou ‘hotspot’ para a observación de aves de Galiza.

O primeiro reto

O primeiro reto desta campaña ou desafío específico é, segundo apuntan, o de alcanzar un importe mínimo de 3.650 euros no período de 1 mes, até o 16 de xuño, para a presentación do recurso de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental.

De conseguir este reto no prazo estabelecido, Adega iniciará un novo prazo de recadación pola mesma cantidade destinada a conquistar os fondos necesarios para interpor recurso contencioso-administrativo no TSXG e solicitar a paralización cautelar do proxecto.

As doazóns recadadas a través da campaña irán destinadas a cubrir os custos totais derivados da presentación do recurso de alzada e do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza ds Galiza contra a autorización administrativa previa e de construción dos proxectos eólicos presentes na campaña, así como á solicitude de paralización cautelar.

Adega ofrece dúas formas de facer as doazóns: por desafíos, apoiando economicamente o recurso dun ou varios proxectos eólicos concretos; ou a un fondo común da campaña, destinado a apoiar os recursos de parques eólicos que máis o precisen ou que máis contribúan a defender o interese común e o medio ambiente galego.