Xustiza

Adega querélase contra a ex responsábel de Planificación Enerxética da Xunta por "condonar" perto de 12 millóns a Greenalia

A ex directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais do Goberno galego, Paula Uría. (Foto: Xunta)
A asociación ecoloxista atopa na actuación de Paula Uría "indicios evidentes" da comisión dos posíbeis delitos de prevaricación e malversación de fondos públicos ao 'eximir' a compañía enerxética dunha débeda millonaria coa Facenda pública.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) presentou esta sexta feira unha querela criminal ante o Xulgado de instrución de Santiago de Compostela contra a ex directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta da Galiza, Paula María Uría Traba, pola presunta comisión dos delitos de prevaricación e malversación, aludindo á condonación á compañía enerxética Greenalia unha débeda coa Facenda pública de perto de 12 millóns de euros, "de forma arbitraria e en contra do ordenamento xurídico", afirman as ecoloxistas.

Os feitos constitutivos dos supostos delitos tiveron lugar en xullo de 2021, cando a daquela Directora Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais asinou unha resolución administrativa pola que aceptaba a proposta da empresa Greenalia de modificación do plan industrial asociado á adxudicación de megavatios para o parque eólico Campelo no concurso eólico de 2010.

Naquela convocatoria, a promotora inicial do parque eólico Campelo, Kaekias Eólica S.A., acadara a potencia eólica solicitada para a construción deste parque coa condición de executar o plan industrial asociado ao mesmo. Porén, co paso do tempo, Kaekias Eólica optou por non levalo a cabo e, no seu lugar, decidiu monetizalo, quedando obrigada a ingresar 11.721.971 euros no fondo de capital-risco (Sodiga) do Igape, "no prazo dun mes desde a posta en funcionamento do parque eólico Campelo", lembra Adega.

En 2017, a titularidade deste proxecto eólico e das obrigas ligadas ao plan industrial asociado pasaron a mans de Greenalia, empresa da que actualmente é conselleira a ex responsábel de Medio Ambiente da Xunta Beatriz Mato. En novembro de 2019, Greenalia "rexeitou facer fronte á monetización do plan industrial" que formulara a súa antecesora e, por conseguinte, "ao pagamento dos perto de 12 millóns de euros á Facenda pública", e presentou unha nova proposta diante da Dirección Xeral de Planificación Enerxética pola que solicitaba dar por executado o plan industrial vinculado ao proxecto Campelo.

"A efectos de probar a execución efectiva do plan industrial, Greenalia presentaba tres actuacións que xa tivera desenvolto no pasado, entre 2015 e 2019, e que nada tiñan a ver co plan industrial acollido no concurso de 2010", censuran desde o colectivo ambientalista. Así, o 21 de xullo de 2021, Paula Uría, como responsábel de Planificación Enerxética, "aceptou o cambio da monetización polo efectivo desenvolvemento do plan industrial" e, asemade, "validou, a fin de dar por executado tal plan, as tres actuacións de Greenalia que non se correspondían co plan industrial proposto en 2010".

O plan industrial proposto por Kaeikas Eólica consistía nun proxecto de secado térmico de lamas e fabricación de pellets, e Greenalia solicitou que se tivese por executado tal proxecto "con base no desenvolvemento dun negocio hoteleiro", un "proxecto de buque para a exportación do sector forestal" e un "proxecto de xestión de biomasa".

Ao abeiro da regulación do concurso eólico de 2010, salienta Adega, "non tiña cabida legal unha modificación dos proxectos industriais como a referida". Porén, a resolución administrativa asinada por Paula Uría deu "por executado" o plan industrial ao tempo que "condonou a Greenalia unha débeda" de 11.721.971 euros, "coa conseguinte lesión á Facenda pública", critica.

A querela interposta agora por Adega argumenta a posíbel "responsabilidade criminal" de Paula Uría como Directora Xeral e asinante da devandita resolución, pola que podería estar incorrendo en presuntos delitos de prevaricación administrativa e malversación de fondos públicos. Paula Uría, "persoa con ampla traxectoria en postos políticos na Xunta baixo as presidencias de Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda", tería actuado, segundo o referido na querela, "con radical arbitrariedade e total ausencia de base legal, desviándose da normal praxe administrativa dunha maneira flagrante, notoria e patente".

Ademais, consideran as ecoloxistas que "concorren indicios de que Paula Uría tería dado por executado un plan industrial e condonado a débeda da empresa de Beatriz Mato coa Facenda pública en base a determinadas actividades para cuxo desenvolvemento Greenalia tería recibido contiosas axudas públicas". Lembra a organización que "diversas sociedades do Grupo Greenalia" cuxa actividade se centra na xestión da biomasa —actividade invocada pola empresa en desenvolvemento do plan industrial do parque eólico Campelo— obtiveron financiamento da Xunta pola vía de concesión de subvencións e mesmo dun préstamo de 1.000.000 de euros, cando Beatriz Mato aínda ostentaba o cargo de conselleira.

A asociación ecoloxista alerta da posibilidade de que "outros supostos de condonación material semellantes se teñan dado a respecto doutros proxectos eólicos" derivados do concurso do ano 2010, vendo así necesario "que se proceda a fiscalizar de inmediato o proceder da Xunta a este respecto".