Adega publica un manifesto contra o parque eólico de Rebordechao

Corzo no Macizo Central (Foto: ADEGA Monterrei)
O proxecto, da man do grupo noruegués Statkfrat busca instalar 28 aeroxeneradores no Macizo Central

A asociación Salvemos o Támega – ADEGA Monterrei ven de publicar o manifesto “Salvemos o Macizo Central” onde denuncian a “gravísima ameza” que o Parque Eólico de Rebordechao supón para esta zona.

Este proxecto do grupo noruegués Statkfrat, que está a ser tramitado polo Ministerio de Transición Ecolóxica, estuda instalar 28 aeroxeneradores, cunha potencia de 154MW en total que afecta aos concellos de Nogueira de Ramuín, Xunqueira de Espadanedo, Montederramo, Maceda, Vilar do Barrio, Laza, Castrelo do Val, Verín, Monterrei e Cualedro.

Desde a delegación de Monterrei da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, buscan reunir o máximo apoio social de cara ao rexeitamento deste megaproxecto.

A asociación contou coa colaboración de Rubén Bermejo, guía de natureza, e Xosé M. Romero, enxeñeiro técnico agrícola, para a realización do manifesto, expoñen que queren unha transición enerxética xusta. “Renovábeis si, pero non así!”, aseveran no escrito.

Ademais, no documento que a cidadanía pode asinar a través da súa web, expoñen a gran biodiversidade que se vería “profundamente alterada polas accións humanas”. 

O Macizo Central é un Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) cunha extensión de 469.51 quilómetros cadrados, no que se inclúe o Parque Natural do Invernadoiro (Vilariño de Conso).

Animais de gran importancia que van desde as pequenas xoaniñas, vagalumes ou abellas até os grandes osos pardos que “se deixan ver no Macizo Central e que son especie protexida desde o ano 1973”; bosques de sobreiras, carballos e acivro ou as formacións naturais como as turbeiras, son algúns dos numerosos exemplos nos que o manifesto afonda e que se poderían ver afectados de seguir adiante co proxecto eólico.

Ademais de todo isto, a organización ecoloxista tamén destaca punto por punto o que afectaría a nivel económico e cultural a construción do parque que tamén afectaría aos xacementos arqueolóxicos da capela de San Mamede (Rebordechao-Vilar de Barrio), a estación de Arte Rupestre das Pisadiñas, no monte Lastredo de Laza e a mina romana de ouro “Regueiro da Boca” localizada no mesmo monte.