O pleno de Deputación de Lugo exixe á Xunta un plan para garantir que os parques eólicos deixan retorno económico na Galiza

A iniciativa saíu adiante cos votos de socialistas e nacionalistas á vista de que xa hai 75 novas instalacións proxectadas. A moción defende, tamén, que se asegure o mantemento dos valores medioambientais daquelas zonas onde se instalen os xeradores de enerxía.

O deputado nacionalista Efrén Castro amosa un mapa dos aproveitamentos. (Foto: Deputación de Lugo)
photo_camera O deputado nacionalista Efrén Castro amosa un mapa dos aproveitamentos. (Foto: Deputación de Lugo)

A iniciativa saíu adiante cos votos de socialistas e nacionalistas á vista de que xa hai 75 novas instalacións proxectadas. A moción defende, tamén, que se asegure o mantemento dos valores medioambientais daquelas zonas onde se instalen os xeradores de enerxía.

A Deputación de Lugo demandará á Xunta de Alberto Núñez Feixoo que traballe para crear un plan que, asinado ou acatado polas concesionarias das futuras explotacións eólicas no país, forneza garantías de que vai haber un retorno económico para a Galiza e que se van respectar os valores medioambientais das zonas afectadas polos parques.

A Administración lucense deberá trasladar este requirimento ao Executivo galego após a saída adiante da moción achegada polo grupo do BNG ao pleno. A exixencia será, segundo o escrito, dun “novo plan sectorial eólico que conte cunha ampla participación dos axentes implicados e que harmonice os obxectivos e intereses económicos , sociais e medioambientais, reducindo ao mínimo os procesos expropiatorios".

En concreto, a iniciativa que fai referencia ás comarcas de Lugo, sobre todo no litoral e na montaña, foi apoiada polas deputadas e deputados nacionalistas e socialistas.

“Co marco actual, a Mariña interior e a montaña estarán inzadas de parques eólicos, sen ningún tipo de retorno para o territorio, nin se crean posto de traballo, nin conseguimos beneficios por producir enerxía eléctrica, ao contrario, pagamos a máis cara do Estado", reflexionou o voceiro do Bloque, Efrén Castro, que se presentou provisto dun mapa cos aproveitamentos marcados. Así criticou o plan kamikaze da Xunta da Galiza que "viste de traxe verde un modelo de arrase dos recursos propios”.

Na súa opinión, non pode seguir a explotación do potencial eólico galego sen “contraprestacións sociais e económicas para a veciñanza”. En calquera caso, tamén se pide que se descarten os tres proxectos da emprega norueguesa StatKraft -participada polo Goberno daquel país- en Rebordechao, Prada e Barxas.

Outros acordos plenarios

Por outra parte, tamén se acadou a unanimidade para defender o topónimo 'Ría de Ribadeo', agora que en Asturias piden a súa modificación por 'Ría do Eo'. Outro dos avances plenarios foi a aceptación dunha proposta do Goberno da Deputación para sumarse á Rede de Gobernos Locais pola Biodiversidade, unha área dentro da Federación de Municipios e Provincias (FEMP) na que están representadas as localidades comprometidas co desenvolvemento sostíbel e a protección da biodiversidade.

Aliás, tratouse a necesidade de que os concellos controlen polo menos o 15% dos fondos Covid, para a recuperación após a crise derivada da pandemia. Decidiuse trasladar esta demanda á Xunta se ben haberá que agardar unha resposta.

Por outra banda, as e os deputados do Partido Popular deixaron a sesión despois de que non saíse adiante unha moción contra unhas palabras do presidente, José Tomé, sobre a vestimenta da presidenta provincial do partido, Elena Candia.

Comentarios