Adega fecha un 2023 de "solidariedade histórica" contra a vaga eólica na Galiza

Aeroxeradores no parque eólico de Sil e Meda, en Esgos, comarca de Ourense. (Fotos: Agostime / Europa Press).
Adega tería alcanzado en 2023 un fondo solidario de máis de 185.000 euros para recorrer na vía xudicial 28 dos 75 polígonos eólicos autorizados pola Xunta da Galiza o pasado mes de abril

A días de que remate o ano 2023, a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) fai balanzo dos resultados da campaña de recadación solidaria #Tipodesparalos, impulsada co obxectivo de reunir os fondos necesarios para recorrer a actual vaga eólica ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). A valoración da organización ecoloxista galega “non pode ser máis positiva tendo en conta que só faltan 1.000 euros para superar con éxito todos os desafíos da campaña”.

Actualmente, só fican activos dous retos de recadación relativos aos polígonos eólicos Estivada e Zamorra, autorizados nas comarcas do Deza e Ulloa, “obxecto de fragmentación artificial e que afectan á contorna de espazos naturais protexidos como son os Sobreirais do Arnego ou a Serra do Careón”.

De acordo con Adega ambos proxectos están a tan só 1.000 euros de poder ser recorridos nos tribunais, polo que a entidade chama a cidadanía galega a facer un último esforzo solidario que consumaría, non só o éxito destas dúas últimas iniciativas de recadación, senón de todas as que Adega impulsou durante 2023.

De recibir este último impulso, Adega tería alcanzado en 2023 un fondo solidario de máis de 185.000 euros para recorrer na vía xudicial 28 dos 75 polígonos eólicos autorizados pola Xunta da Galiza o pasado mes de abril, coa intención de evitar que estas instalacións “causen danos irreversíbeis no medio ambiente e no patrimonio galego”.

Nestes momentos, Adega xa ten presentado recurso contencioso-administrativo contra unha quincena de proxectos eólicos para os que tamén solicitou ao TSXG a paralización cautelar. Agardando completar a lista de recursos xudiciais a comezos de 2024, os polígono eólicos xa recorridos en 2023 grazas á “solidariedade colectiva” son: Campo das Rosas, Rodicio II, Xesteirón, Monte da Croa, Pico Seco, Valdepereira, Vilartoxo, Troitomil, Monte Festeiros, Touriñán III-2, As Penizas, Porto Vidros, Outeiro Grande ou Rodeira.

"Éxito"

Estes resultados converten ‘Ti podes paralos’ na iniciativa “máis exitosa de todas as campañas de micromecenado que se teñan lanzado na Galiza con fins de defensa ambiental, non só pola envergadura dos fondos recadados, senón tamén polo número de achegas”. En total, segundo Adega, contribuíron á causa máis de 2.000 doantes entre persoas particulares, colectivos e empresas, cifra que “dá conta da existencia dun amplo rexeitamento social ao actual acoso das eléctricas ao país”.

Adega agarda poder dar por finalizadas con éxito todas as campañas #TiPodesParalos antes de que remate o ano, pero non descarta ter que iniciar en 2024 novos retos de recadación solidaria para seguir defendendo nos tribunais o medio ambiente galego, se a Xunta da Galiza ou o Estado persisten en outorgar autorización administrativas a proxectos eólicos cunha avaliación ambiental deficiente ou que vulneran a legalidade vixente.

Confía en que en 2024 se resolvan algúns dos recursos contencioso-administrativos interpostos pola asociación no TSXG grazas á campaña #TiPodesParalos e que, ao tempo, se efectivicen as solicitudes de paralización cautelar dos 28 polígonos eólicos recorridos.

A entidade ecoloxista móstrase convencida de que 2024 traerá novas vitorias xudiciais para Adega e, en xeral, para o movemento ecoloxista galego e as outras plataformas sociais que se enfrontan nos tribunais á depredación eólica do país.

Adega lembra que nos últimos dous anos conseguiu logros como as anulacións dos proxectos eólicos Serra do Iribio, Campelo e Bustelo ou a paralización cautelar do polígono Monte Toural, que “avalan a efectividade da loita ecoloxista nos tribunais e que dan azos ao pobo galego a seguir loitando e mobilizándose contra os abusos das grandes multinacionais da enerxía e dos gobernos, e a favor dunha transición enerxética participada, xusta e sustentábel”.