Adega denunciará xudicialmente a aprobación ‘express’ de 75 parques eólicos

Parque eólico na serra do Xistral, na comarca da Mariña. (Foto: Luís Vilanova)

Nas próximas semanas principiarán unha nova campaña de recadación solidaria para facer fronte aos custos dos contenciosos.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, confirmaba a pasada cuarta feira, 26 de abril, no Parlamento da Galiza, a aprobación de 75 parques eólicos, 63% dos que completaron a tramitación.

O prazo para que a Xunta da Galiza concedera estas autorizacións administrativas previas a aqueles proxectos de renovábeis con Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorábel e aínda en tramitación remataba o pasado 25 de abril.     

Nestas circunstancias atopábanse na Galiza ducias de parques eólicos sobre os que a Xunta tiña que resolver, polo que, como anunciou Conde, nos vindeiros días publicaranse no Diario Oficial da Galiza (DOG) os 75 proxectos aos que a Xunta deu autorización previa. Estes proxectos deben ter, ademais, autorización de construción antes do 25 de xullo.

A Xunta adoita resolver estes dous trámites nun mesmo acto administrativo, polo que nestes tres meses agárdase “unha enxurrada” de autorizacións “express” en formato “2x1”.

Territorios “en risco”

Segundo alerta a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), os 75 parques eólicos que a Xunta vén de autorizar “sen unha axeitada avaliación ambiental e sen aval social, porán en risco territorios de enorme valor para preservar servizos ecosistémicos imprescindíbeis para afrontar os impactos da mudanza climática, destruirán a paisaxe e o patrimonio cultural e expulsarán as persoas do rural”.

Parar estes 75 proxectos eólicos autorizados foi, precisamente, unha das razóns polas que centos de persoas se mobilizaron o pasado 23 de abril en Compostela. Para Adega, con esta decisión a Xunta “desoe outra vez o clamor cidadán a favor dunha planificación enerxética ordenada e ao servizo do pobo, para aliñarse co expolio e converterse na principal valedora do oligopolio eléctrico”.

Denuncias xudiciais

“Diante desta ameaza, en Adega non temos outra opción que acudir aos xulgados”, afirma a asociación ecoloxista. Así, o colectivo denunciará xudicialmente aqueles proxectos que teñan un impacto “máis significativo sobre o noso patrimonio natural e cultural”.

Nomeadamente, refírense a aqueles situados a carón da Rede Natura ou en espazos nos que estaba prevista a súa ampliación, “oportunamente demorada polo PP”, afirman.

Entre os primeiros proxectos que serán obxecto de recurso contencioso-administrativo Adega sinala estarían aqueles situados en áreas “ambientalmente sensíbeis”, como as serras dos Ancares e o Courel, o Macizo Central, o Suído ou a Ribeira Sacra.  

Para facer fronte aos custos derivados da presentación destes recursos así como á imposición de eventuais caucións económicas ou costas, Adega porá en marcha nestas próximas semanas unha nova campaña de recadación solidaria.

“Convidamos a aquelas plataformas e colectivos afectados e a toda a cidadanía a facer parte destas iniciativas e a colaborar na campaña pública de ‘crowfunding’ que en breve lanzaremos para cada un dos proxectos recorridos”, sinalan desde a asociación.