Adega critica que ante a "emerxencia cinexética", a Xunta recupere a caza do lobo, principal depredador do xabaril

Agricultores e gandeiros avisan dun incremento da poboación de xabarín nos últimos anos. (Foto: Nós Diario).
“A irracional postura da Xunta, que receita chumbo para o xabaril e ao tempo pretende cazar o lobo, principal predador do porco bravo, ponse de manifesto ao analizar conxuntamente a situación de ambas as especies na Galiza”, relatan desde Adega.

A recentemente declarada “emerxencia cinexética temporal” en 248 concellos (80% de Galiza) para cazar xabaril sen límites pon de manifesto a “improvisación e o desinterese da Xunta por xestionar a fauna salvaxe con criterios científicos”, de acordo coa Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega).

Alén de carecer dun censo actualizado da poboación de porco bravo na Galiza e basearse unicamente no incremento das afeccións, a “solución final” da Xunta “mostrouse noutras ocasións ineficaz para controlar a poboación de xabaril, como tamén sinalaron algúns sindicatos agrarios e mesmo asociacións de cazadores”.

Paralelamente, a Administración galega “insiste en reclamar a eliminación do status de protección do lobo ibérico”, principal predador natural do xabaril, e incluído polo Estado na listaxe de especies en réxime de protección especial.

“A irracional postura da Xunta, que receita chumbo para o xabaril e ao tempo pretende cazar o lobo, principal predador do porco bravo, ponse de manifesto ao analizar conxuntamente a situación de ambas as especies na Galiza”, relatan desde Adega.

"Onde hai lobo, non manda xabaril"

Malia a que para o xabaril non existe un censo da poboación galega e só hai datos parciais e comunicacións de danos, “podemos asumir que naqueles concellos nos cales a Xunta declarou a "emerxencia cinexética" existe unha poboación significativa ou cando menos problemática de porco bravo”.

Para o lobo, o recente censo de 2021-2022 rexistrou 93 mandas reprodutoras no país que se concentran en varias áreas nas que o lobo dispón de hábitat e presas axeitadas.

Para Adega, “liberalizar a caza do xabaril e pretender recuperar a do lobo é un sen sentido”. En xeral, obsérvase que nalgunhas áreas con maior presenza de mandas de lobo, como a Costa da Morte-Xallas (1), centro da Dorsal Galega –Melide e A Ulloa- (2), núcleos de Ancares (3), Courel (4) e Baixa Limia (5) a Xunta non precisou declarar a “emerxencia cinexética” polo xabaril.

“A falta de datos científicos sobre a distribución das piaras, interaccións ecolóxicas, etc semella claro que alí onde o lobo cría, os danos denunciados pola acción do porco bravo son menores”.

Segundo a asociación ambientalista, “estes datos mostran con claridade dous feitos: primeiro a necesidade de contar con datos fiábeis das poboacións de xabaril, e en xeral da fauna salvaxe, para propor medidas e xestionar con criterios científicos as súas poboacións. E segundo, a preocupante improvisación e as contradicións da Xunta que, por unha parte, permite cazar indiscriminadamente unha especie -o xabaril- e por outra reclama “controlar” ao seu principal predador, o lobo.

Encher de escopetas o monte, un risco

A "emerxencia cinexética" vai supor a presenza de centos de armas de caza no monte sen practicamente ningún tipo de limitación e sen dúbida aumentará a probabilidade de accidentes. “No monte galego sempre hai persoas: veciñanza dos lugares próximos, profesionais forestais, gandeiras, camiñantes, colleitadoras de cogomelos, deportistas... Transitar polo monte en practicamente todo o país até o 25 de febreiro vai ser xa que logo unha actividade de alto risco”, indican desde Adega.

“Permitir a caza fóra dos terreos cinexéticos e mesmo en espazos protexidos por parte de calquera persoa (con autorización expresa), é temerario. Nestas áreas a realización de batidas pode interferir ou alterar a dinámica ecolóxica de moitos seres vivos presentes en espazos naturais ou mesmo ser causa de mortes ‘accidentais’ de especies protexidas, quer o lobo, o oso...”, acrecenta a asociación ambientalista.