Adega denunciará perante a Comisión Europea a Xunta e o Goberno español por "vulneraren o dereito comunitario" cos eólicos

Adega e BNG advirten da "vulneración" de normas comunitarias na tramitación de proxectos eólicos. (Foto: Y. C.)
Nunha xornada organizada polo BNG, a organización ecoloxista presentará dúas denuncias, unha pola "vulneración" dos dereitos da cidadanía galega no que atinxe ao acceso á información pública dos proxectos eólicos en tramitación e outra sobre o "incumprimento" das directivas comunitarias de protección do medio ambiente.

As denuncias por mor do "espolio eólico" chegan a Bruxelas. Os vindeiros días 31 de agosto e 1 de setembro unha comisión técnico-xurídica da organización ecoloxista Adega desprazarase á capital belga para presentar, perante a Comisión Europea, dúas denuncias contra o Estado español e a Xunta da Galiza por "vulneraren o dereito comunitario nos procedementos de autorización de instalacións eólicas" no país.

A entidade, aliás, exporá un informe xurídico que analiza a evolución histórica, desde un punto de vista legal, da implantación destes proxectos na Galiza, así como de que forma "é contraria á normativa europea aplicábel".

As denuncias céntranse en dúas cuestións esenciais. A primeira alude á "vulneración" dos dereitos da cidadanía galega en materia de transparencia, no que atinxe ao acceso á información pública dos proxectos de produción eólica en tramitación; a segunda, pola súa parte, versa sobre o "incumprimento" das directivas comunitarias de protección do medio ambiente.

O obxectivo destas dúas denuncias é demandar unha investigación do marco normativo que regula o sector eólico na Galiza e "analizar se desde os gobernos do Estado e a Xunta se incumpren as directrices europeas" nas materias sinaladas. Desde Adega instan a Comisión Europea a "adoptar as medidas de apercibimento ou sancionadoras que correspondan".

En representación de Adega acudirán a Bruxelas o seu secretario técnico, Fins Eirexas; a secretaria executiva, Belén Rodríguez, e o seu vogal de Dereito, Fernando de Abel Vilela, que se desprazará xunto co seu equipo legal.

Xornada coordinada polo BNG

A presentación formal destas denuncias enmárcase nunha xornada de traballo que organiza a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, que tamén coordinou unha xuntanza coa dirección xeral de Medio Ambiente da UE para abordar estas cuestións.

"Estamos diante dun escandaloso incumprimento de varias normativas comunitarias e imos traballar arreo para frear o espolio eólico que estamos vendo", dixo Miranda, a través dun comunicado no que enxalzou o labor de Adega e defendeu que o BNG quere "enerxías limpas e renovábeis" na Galiza, mais "respectuosas co medio ambiente, co noso rural e o noso patrimonio".

"E, por suposto, non queremos que os beneficios de producir enerxía na Galiza non queden na nosa terra" concluíu a eurodeputada, quen lembrou que o país xa produce na actualidade máis enerxía da que consome.