Xuízo do Alvia

Unha acusación particular propón unha pena máis reducida para o maquinista que para Cortabitarte

O maquinista, Francisco Garzón, sentado detrás do ex alto cargo de Adif, Andrés Cortabitarte, nunha sesión recente do xuízo. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
A letrada que representa a ex deputada Teresa Gómez-Limón pide aplicar atenuantes a Francisco Garzón por "colaboración para esclarecemento dos feitos" e "petición expresa de perdón co ánimo de contribuír á reparación do dano", polo que rebaixa a petición de condena a dous anos de prisión, fronte aos catro que demanda para o ex director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, pois "puido evitar o accidente".

A avogada que representa a ex deputada do PP Teresa Gómez-Limón, unha das afectadas polo accidente do tren Alvia en Angrois (Santiago), propón unha pena de cárcere máis reducida para o maquinista, Francisco Garzón, que para o ex alto cargo de Adif, Andrés Cortabitarte: dous anos para o primeiro, catro para o segundo. Esta petición difire da trasladada até o de agora polas acusacións particulares e tamén da das acusacións populares —as asociacións Apafas e Plataforma de Vítimas do Alvia 04155—, que solicitan catro anos de prisión para cada un dos procesados. Tamén confronta coa postura do fiscal, Mario Piñeiro, quen no último momento, e contradicindo a súa postura inicial, modificou as súas conclusións de modo que agora só atribúe imprudencia profesional grave —e reclama catro anos de cárcere— a Garzón, ao considerar que Cortabitarte, "cumpriu os protocolos" de seguridade.

Fronte a isto, o risco na curva da Grandeira, onde morreron 80 persoas e 145 resultaron feridas polo descarrilamento dun tren Alvia o 24 de xullo de 2013, un sinistro a piques de facer dez anos, era "previsíbel" e "non tolerábel" para varios peritos que declararon na vista oral e tamén para letrados das acusacións particulares que expoñen estes días os seus informes finais.

Era "competencia" de Cortabitarte "avaliar o risco"

Nunha nova sesión do xuízo, esta terza feira, un deles lembrou que era "unha obriga que compete Adif" a de analizar os riscos da liña, e apuntou á "reprochábel conduta" do ex director de Seguridade do administrador ferroviario, así como á "clara relación de causalidade" co sinistro, fronte ao declarado hai escasos días polo representante do Ministerio Público.

A Cortabitarte, dixo, "competíalle avaliar o risco" e a súa "neglixente" forma de actuar ten "clara relación de causalidade" cos feitos, insistiu. Neste sentido, incidiu en que "para calquera director de seguridade cos coñecementos medios que se lle exixen sería previsíbel a causación de tan terríbeis resultados" nunha liña que carecía de 'ERTMS' —o sistema de freado automático— e de medidas como unha baliza na vía xusto antes da curva —instalouse despois do descarrilamento—.

A respecto desta medida, varios letrados lembraron nesta nova xornada que Cortabitarte foi perito noutro xuízo por un sinistro similar, o do metro de Valencia. A letrada de Gómez-Limón destacou que esa opción —a da baliza— "fora valorada" antes do accidente e "desestimada" por Adif. Trouxo a colación así a comparecencia do ex director de Seguridade de Renfe, Antonio Lanchares, quen deixou "claro" que el "persoalmente" pediu que se instalasen balizas nos puntos con cambios bruscos de velocidade tras o accidente de Medina del Campo, en 2007, mais "Adif votou en contra".

Esta letrada criticou que "o Ministerio Público argumenta que isto o desestimou a CIAF [Comisión de investigación de accidentes ferroviarios]", pero "quen tiña delegadas estas facultades, quen tiña competencias, era Cortabitarte". De feito, engadiu, "cando se poñen" despois da traxedia do Alvia esas balizas en puntos da rede nos que, como en Angrois, había que afrontar unha redución de velocidade pronunciada —nese caso de 200 a 80 quilómetros por hora— é "por decisión de Adif".

"Non é certo que só se nos ocorra a posteriori [...] Decidiuse non facer", apostilou, ao tempo que argumentou que "se esas medidas de seguridade estivesen estabelecidas, a imprudencia grave de Garzón non tería as consecuencias" que tivo: 80 falecidos e 145 feridos.

Atenuantes para o maquinista

No que atinxe ao maquinista e a súa actuación, a representante de Teresa Gómez-Limón, como o resto de acusacións, observa "unha imprudencia grave" porque "non cortou a tempo a chamada —do interventor do tren— unha vez coñeceu que non era urxente". "Tiña coñecemento do perigo da curva e a súa conduta é constitutiva dunha imprudencia grave profesional", dixo.

"Agora ben, esta parte solicitou unha pena de prisión dous anos inferior á solicitada pola maioría" porque, ao seu xuízo "debe aplicarse a atenuante" por "colaboración para esclarecemento dos feitos" e "petición expresa de perdón co ánimo de contribuír á reparación do dano", entre outras cuestións que utiliza a defensa de Garzón.

O maquinista "sufriu tamén as consecuencias do accidente" e esta parte propón ter en conta para a aplicación da pena "as consecuencias traumáticas que conlevou para el" o sucedido, "polo sentimento de culpa por unha conduta imprudente grave". Con todo, Cortabitate "podería evitar a causación do accidente" de cumprir coa normativa, para esta avogada que exerce unha acusación particular.

En contra disto, outro avogado que exerce acusación particular rexeitou que se teñan en conta as dilacións indebidas e alegou que na súa opinión o maquinista "comportouse como un autómata e non como un humano", pois "a súa responsabilidade era atender á condución da marcha". "Entendo que non se produciu paro. A duración ao longo destes anos foi a propia dun proceso desta complexidade", afirmou. Aliás, considerou que o "recoñecemento de culpabilidade non se produciu" polas declaracións do condutor nas xornadas posteriores ao accidente.