Activistas trataron de dificultar as batidas de raposo en Triacastela e a Láncara

Activistas ambientais concentráronse en Sarria en repulsa das batidas de raposo que tiveron lugar este sábado en Triacastela e a Láncara (Imaxe: Cedida)
Hoxe tivo lugar o XXV Campionato Galego de caza do raposo, no que se presentaron arredor de corenta activistas animalistas que protestaron contra as batidas deste animal e trataron de dificultar a súa caza facendo ruído no monte. Sindicatos e asociacións ecoloxistas teñen reclamado á Xunta da Galiza a prohibición destas batidas, especialmente nas áreas afectadas pola praga da rata-toupa, da que o raposo é un predador natural.

Este sábado, a asociación Free Fox (Raposo ceibe) convocou unha protesta na paseo do Malecón de Sarria contra o XXV Campionato Galego de caza do raposo que tivo lugar nos municipios de Triacastela e a Láncara, organizado pola Federación Galega de Caza. Durante a batida, activistas animalistas presentáronse no lugar portando instrumentos que tocaron para tratar de espantar aos raposos.

Unha asistente explica que arredor dunhas corenta persoas congregáronse ante o hotel de Sarria onde se levou a cabo o sorteo das áreas para as batidas. "Despois, saímos detrás dos cazadores e intentamos, sempre pacificamente, facer o máis complicado posíbel a súa xornada de caza", conta a Nós Diario, "queremos expresar o noso rexeitamento a estas batidas e ao ocultismo co que se organizan, as Administracións locais non nos quixeron facilitar información de como e onde se organizan e a Xunta non o fixo até o último momento".

Sindicatos como a Federación Rural Galega (Fruga) ou o Sindicato Labrego Galego (SLG), e colectivos ecoloxistas como Adega ou a Sociedade Galega de Historia Natural teñen denunciado que a Xunta permita a caza do raposo, así como as batidas en áreas afectadas pola praga da rata-toupa, da que o raposo é un depredador natural.

"O certame anual, que contaba poñer no monte mais de trescentas escopetas coa finalidade de abater o maior número de animais posíbel, celebrouse nunha zona afectada por unha proliferación fóra do común da chamada 'rata toupa', que tería ocasionado a día de hoxe estragos de preto aos dous millóns de euros, con 1700 hectáreas de terreo afectadas", censura a Fruga nun comunicado.

Este sindicato, así coma o SLG ou Adega, sinalan que a Xunta aínda non puxo en marcha axudas destinadas ás explotacións afectadas pola praga. Salientan que a Administración galega evita recoñecer o papel do raposo no seu control, ao tempo que apoian a organización de campionatos para a súa caza.

Rexeitamento social

Paralelamente, máis de 67.800 persoas asinaron unha petición lanzada pola asociación animalista Libera! na que reclama á Xunta da Galiza o cese das batidas. “Cada ano a Xunta autoriza ‘campionatos’ para masacrar raposos como se matar fauna silvestre fose un deporte. En poucos anos foron tiroteados máis de 75.000 mamíferos por simple diversión”, comeza a petición.

A asociación tamén salienta o abandono de cans empregados para a caza “ao remate de cada temporada”. “Son empregados como simples ferramentas para acosar as especies silvestres”, denuncia. Así mesmo, a Plataforma Pola Convivencia Ética Coa Fauna Silvestre solicitou nun comunicado a dimisión das persoas responsábeis de autorizar a batida organizada pola Federación Galega de Caza.