Denuncian unha nova “macrobatida” contra o raposo, agora en Triacastela

Raposos cazados [Imaxe: Adega]

Adega solicita ás consellarías de Medio Ambiente e Medio rural a “suspensión inmediata” do Campionato galego de caza do raposo.

 

Adega solicIta á Consellaría de Medio Ambiente e a Consellaría de Medio Rural a suspensión inmediata do Campionato galego de caza do raposo que, “previsibelmente será este sábado, 18 de xaneiro”, nos concellos de Láncara e Triacastela. “Este tipo de actos anacrónicos, crueis e irracionais, non se poden seguir substentado en pseudo-informes da Federación Galega de Caza ou estudos obsoletos sobre a densidade da poboación galega de raposos. A día de hoxe non existe ningunha fundamentación obxectiva, científica ou técnica que xustifique a autorización ano tras ano da caza indiscriminada do raposo en Galiza”, indican desde a asociación ambientalista.

A este argumento, desta volta Adega engade o seu “abraio”  por autorizar  a caza do raposo en Triacastela, “nun dos concellos das serras orientais galegas actualmente máis afectados pola explosión demográfica da rata-toupa (Arvicola terrestris ou Arvicola sherman)”. O raposo é un dos depredadores naturais desta especie.

Adega lembra que o raposo cumpre na Galiza “un especial papel na prevención contra a expansión da enfermidade de Lyme, ao ser un excelente depredador de animais, como poden ser estas ratas-toupa, nos que se hospedan os carrachos infectados coa bacteria Borrelia burgdorferi causante da doenza”.

Por outra banda, reitera que este tipo de campionatos incumpren os principios reitores que introducen a lei 13/2013 de caza de Galiza, que se basean na “protección, conservación, fomento e aproveitamento ordenado dos recursos cinexéticos”.