Sen acordo no Parlamento para unha declaración sobre a guerra

Adestramento de civís no uso das armas en Lviv (Ucraína). (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

PP e PSOE reclaman apoiar a OTAN e a UE na declaración institucional do Parlamento da Galiza, mentres o BNG reclama que non se utilice a situación en Ucraína para atacar a formación nacionalista e propón o mesmo texto que as tres forzas acordaron na Deputación da Coruña.

Os tres grupos parlamentares no lexislativo, Partido Popular (PP), Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG), non foron quen esta terza feira de acordar un texto para unha declaración institucional -que exixe unanimidade- sobre a guerra en Ucraína.

Perante a proposta pactada polo PP e o PSdeG, o BNG lanzou un texto alternativo, igual que o consensuado polas mesmas forzas na Deputación da Coruña, no que amais da “condena da agresión de Rusia a Ucraína e a total solidariedade co pobo ucraíno”, reclama o alto o fogo e a retirada das tropas rusas.

Tamén solicita "respecto ao dereito internacional, aos dereitos humanos e aos Acordos de Minsk", coa Organización das Nacións Unidas (ONU) e a Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE) como garantes da resolución do conflito, así como o "retorno á diplomacia como única fórmula para lograr acordos de paz".

Apoio á UE e á OTAN

Pola súa parte, a declaración pactada entre PP e PSdeG no Parlamento non menciona os acordos de Minsk, ou o papel da ONU e a OSCE á hora de resolver o conflito, remarcando o apoio ao Goberno estatal e á Unión Europea, do mesmo xeito que ás sancións unilaterais que están a impor a Rusia impulsadas polos Estados Unidos (EUA).

Asemade, reivindica o apoio aos principios da UE e máis da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), a alianza militar liderada polos EUA, defendendo o labor das Forzas Armadas españolas "para garantir a paz e a integridade territorial nos países europeos".

Após cuestionar tanto PP como PSdeG os días anteriores que o BNG non quería "condenar sen ambigüidades" a invasión rusa, o voceiro do PP no Parlamento, Pedro Pui, acusou a formación nacionalista de negarse "a apoiar o noso Goberno, a apoiar a Unión Europea e a apoiar as decisións que se están adoptando". Mentres, o voceiro do PSdeG no lexislativo, Luís Álvarez, defendeu que "o único que cabe de forma sensata" é "apoiar os organismos internacionais, a UE e a OTAN, e o Goberno de España dentro das accións coordinadas co resto de institucións".

"Utilizan a dor dun pobo"

A resposta chegou da man da vicevoceira parlamentar do BNG, Olalla Rodil, que criticou a negativa de PP e PSdeG a negociar sobre o texto consensuado noutras institucións, acusándoos de "utilizar a dor dun pobo, os mortos e os refuxiados desta guerra para atacar o BNG”, “é o máis indecente en política que vin desde que estou neste Parlamento", resolveu.

Nese sentido, o BNG reiterou ao longo destas semanas que non comparte a posición tanto do Estado como da Unión Europea de intensificar o envío de armamento a Ucraína, sostendo que isto só sirve para que o conflito escale en violencia e dificulta a volta á vía diplomática. Amais, para que isto aconteza, defende que a OTAN debe comprometerse a abandonar a súa expansión cara ao leste.