A guerra en Ucraína, en directo, este 8 de marzo

Segue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína.
Sacos de area protexen as portas e ventás dun edificio na cidade de Lviv, en Ucraína. (Foto: Mykola Tys / SOPA Images via ZUMA / DPA)
photo_camera Sacos de area protexen as portas e ventás dun edificio na cidade de Lviv, en Ucraína. (Foto: Mykola Tys / SOPA Images via ZUMA / DPA)

🔴 [EN DIRECTO]

 Actualizar

21.50 | Os EUA non crearán a zona de exclusión aérea que pedía Zelenski

A secretaria de prensa da Casa Branca, Jen Psaki, afirmou esta terza feira, en declaracións recollidas pola axencia Reuters, que os EUA non crearán unha zona de exclusión aérea sobre os corredores humanitarios, a fin de permitir evacuacións seguras das cidades axexadas polos bombardeos, tal e como pedía o Goberno de Volodimir Zelenski. Facelo, dixo, suporía "derrubar avións rusos" dentro da citada zona, o que "levaría os EUA á guerra con Rusia".

21.23 | Máis de dous millóns de refuxiados desde o inicio da guerra

O Alto Comisionado da ONU para os Refuxiados, Filippo Grandi, vén de informar a través do seu perfil en Twitter de que, a día de hoxe, "o fluxo de persoas refuxiadas desde Ucraína alcanza os dous millóns de persoas". Os principais destinos son Polonia (1,2 millóns de persoas), Eslovaquia (140.000), Hungría (191.000), Romanía (82.000) e Moldova (82.000). Por outra parte, segundo recolle a axencia Tass, o Goberno ruso afirma que esta terza feira 173.000 persoas foron evacuadas desde a rexión do Donbás.

20.45 | Rusia anuncia un novo alto o fogo

Segundo informa Russia Today, o Goberno da Federación Rusa vén de declarar un novo "alto o fogo" a partir das 7 horas [hora de Moscova] desta cuarta feira, 9 de marzo, e afirmou estar "disposto" a volver habilitar corredores humanitarios.

20.05 | O Reino Unido pide un 'Plan Marshall' para Ucraína

O primeiro ministro do Reino Unido, Boris Johnson, pediu esta terza feira aos líderes do Grupo de Visegrad —Polonia, Hungría, República Checa e Eslovaquia— que aproben un "fondo para a reconstrución de Ucraína" semellante ao 'Plan Marshall', segundo recolle o xornal ucraíno The Kyiv Independent.

19.25 | Zelenski cita a Churchill no Reino Unido: "Loitaremos até o final"

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, evocou esta terza feira o ex primeiro ministro británico Winston Churchill ante a Cámara dos Comúns do Reino Unido, citando as súas palabras canda a II Guerra Mundial: "Loitaremos até o final, no mar, no ar [...], continuaremos loitando pola nosa terra. Custe o que custe, loitaremos nos bosques, nos campos, nas costas, nas rúas...", dixo.

18.35 | Os EUA negocian con Venezuela alternativas ao petróleo ruso

O presidente dos EUA, Joe Biden, anunciou en rolda de prensa a prohibición das importacións de petróleo ruso a raíz da invasión de Ucraína. De forma paralela, o Goberno estadounidense valora unha posíbel redución das sancións a Venezuela que permitiría ao país que dirixe Nicolás Maduro producir máis petróleo e vendelo no mercado internacional, logo de varios anos de alta tensión política entre ambos os países.

18.15 | Sen acordo no Parlamento para unha declaración sobre a guerra

PP e PSOE reclaman apoiar a OTAN e a UE na declaración institucional do Parlamento da Galiza, mentres o BNG reclama que non se utilice a situación en Ucraína para atacar a formación nacionalista e propón o mesmo texto que as tres forzas acordaron na Deputación da Coruña.

17.55 | A guerra pasa factura: a Galiza quedará sen cereal "en dous ou tres meses"

A acusada suba do prezo da cebada e o millo, sumada ao incremento dos custos de fertilizantes e combustíbeis, podería provocar a "desaparición" das explotacións gandeiras, advirte o conselleiro do Medio Rural, José González.

17.20 | Zelenski rexeita a proposta do Kremlin: non renunciará a Crimea, Donetsk e Lugansk

O Goberno ucraíno, aliás, ve "absurdo" falar dunha hipotética entrada na OTAN no contexto actual: "A Alianza non está lista para aceptar Ucraína durante, cando menos, os próximos 15 anos, e xa o deixou claro".

16.15 | O votante do BNG, o menos partidario de enviar armas a Ucraína

Segundo unha enquisa do portal Electomanía, 65,8% dos votantes do Bloque non apoian o envío de armamento, mentres 17,5% están indecisos e o 16,7% restante está a favor esta medida.

13.59 | De Kiev a Kíiv: a RAG adapta ao galego os nomes das principais cidades ucraínas​

A Real Academia Galega (RAG) vén de informar nun comunicado da aprobación por parte do seu Seminario de Onomástica da adaptación ao galego de varios toponimos ucraínos. Entre eles o da capital e as principais cidades de Ucraína.

O Seminario de Onomástica da RAG basouse maioritariamente nas recomendacións do grupo de expertos en nomes xeográficos da Organización das Nacións Unidas (ONU), basadas no respecto ás formas de cada topónimo na súa lingua orixinal

11.52 | O Goberno ucraíno anuncia a posta en marcha dun corredor humanitario entre Mariupol e Zaporizhia

A viceministra primeira de Ucraína, Irina Vereschuk, anunciou a posta en marcha dun corredor humanitario para a evacuación de civís, que une as cidades de Mariupol e Zaporizhia, tal e como acordaron onte os negociadores rusos e ucraínos na terceira quenda de negociacións.

10.49 | Rusia acusa os "radicais ucraínos" de non permitir a evacuación de civís a territorio ruso para evitar que "conten a verdade"

O medio Russia Today afirma que Rusia vén de acusar os "radicais ucraínos" ante a Organización das Nacións Unidas (ONU) de non permitir a evacuación de civís a través dos corredores humanitarios habilitados polo seu exército, que rematan en territorio ruso, para evitar que " conten a verdade das accións dos radicais".

No día de onte, o embaixador ruso na ONU, Vasili Nebenzia, denunciou o emprego de civís ucraínos como "escudo humano" por parte dos batallóns ultradereitistas. A pesar dos testemuños de correspondentes e das gravacións, Nebenzia segue a negar que o exército ruso estea a bombardear obxectivos civís.

9.27 | Zelenski afirma que o Goberno dos EUA "pode facer máis" para axudar a Ucraína

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, concedeu unha entrevista á televisión estadounidense ABC News, na que afirmou que o Goberno dos Estados Unidos (EUA) "pode facer máis" para axudar ao seu país a confrontar a ofensiva do exército ruso. "Hoxe a guerra está aquí mañá pode estar en Lituania, logo en Polonia, logo en Alemaña. É algo moi grave".

8.43 | O Ministerio de Enerxía de Ucraína afirma que máis de 700.000 persoas quedaron sen electricidade debido á ofensiva rusa

O medio RBC-Ukraine informou que máis de 700.000 persoas quedaron sen electricidade debido á ofensiva rusa, segundo apunta o Ministerio de Enerxía de Ucraína. En concreto, 742.000 usuarias da rede eléctrica do país estarían agora mesmo sen subministro. A situación é especialmente delicada en Donetsk, onde se agrupa case un terzo das incidencias: 233.000 persoas quedaron sen electricidade. Na cidade de Mariupol, unha das primeiras en ser totalmente controladas polas forzas de ocupación rusas, as autoridades locais lamentan que levan unha semana sen ningún tipo de subministro enerxético.

7.59 | Comeza o alto o fogo decretado polo Goberno ruso

Segundo informaron no día de onte Russia Today e Agence France-Presse, o Goberno da Federación Rusa decretou un novo alto o fogo a partir das 10 horas desta terza feira [hora de Moscova], é dicir, as 8 horas na Galiza, para permitir a evacuación de civís a través dos corredores humanitarios en Kiev, Kharkiv, Mariupol, Chernigov e Sumy, segundo anunciou o Ministerio de Defensa de Rusia.

Comentarios