Achan pistas da modernización do rural galego nunha aldea perdida de Forcarei

Os traballos de escavación sobre o terreo tiveron lugar do 1 ao 20 de agosto no lugar de Súa Casa, no lugar de Silvaescura. (Foto: Nós Diario).
Un equipo do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, co apoio da Rede de Arqueoloxía desta entidade, desenvolve no lugar de Silvaescura (Forcarei) unha actuación pioneira que busca achegarse desde a arqueoloxía a un enclave rural habitado na Idade Moderna. 

Silvaescura perdeu toda referencia como aldea no século XIX. Hoxe, o topónimo mantense asociado a unha zona de carballeira, antes de pasto e labranza, no municipio de Forcarei (Tabeirós-Terra de Montes), na parroquia da Madalena, documentada desde a fundación do mosteiro de Aciveiro no século XII. Atópase no límite de tres lugares habitados: Soutelo de Montes, Sanguñedo e Trasdomonte, nunha localización de fácil acceso, "moi interesante desde o punto de vista paisaxístico, á beira do regato do 'Pigheiro', rodeado de carballos e acivros" sinalan desde o Concello a Nós Diario.

Tamén confirman que a información que se ten de Silvaescura é moi escasa. A documentación existente alude só ao pagamento de impostos á Igrexa, unha carencia que contrasta coa abundante tradición oral referida a este enclave.

Non é habitual na Galiza atopar abandonos tan antigos. Agora podemos escavar e comprender como vivía o campesiñado da Idade Moderna

A memoria da xente da contorna garda distintas versións sobre o fin de Silvaescura. Hai quen lle achaca á peste o abandono da aldea, quen apunta un conflito veciñal que levou os seus habitantes a outros núcleos próximos e quen defende que as casas en ruínas nas que xogaron de cativos cando ían traballar as leiras non chegaron a ser tal porque nunca as acabaron.

Abandono e modernidade 

Os restos desas vivendas foron o campo de traballo dun equipo do Instituto de Ciencias do Patrimonio do Consello Superior de Investigacións Científicas durante os primeiros 20 días de agosto. Dúas vivendas e un patio localizados no lugar de Súa Casa. A arqueóloga e directora da escavación, Cristina Incio del Río, descubriu este topónimo sobre o terreo, grazas ás visitas organizadas polo Concello ao lugar para dar a coñecer os labores de arqueoloxía entre persoas veciñas e curiosas.

A investigadora dedica a súa tese de doutoramento ao proceso de modernización no mundo rural galego nos últimos séculos. Aspira a explicar como se implanta a modernidade no rural, como cambian e como permanecen as formas de vida do campesiñado a través do estudo da arquitectura doméstica.

Quero rachar co discurso ahistórico de que o campesiñado leva vivindo igual desde a Idade Media

"A modernidade, como proceso, é moi complexo. Os meus casos de estudo céntranse sobre todo no século XX, e quería dar con algún máis antigo para podela detectar nun momento anterior". Grazas a un dos seus directores de tese soubo de Silvaescura, "unha aldea que pola documentación histórica que atopamos existe polo menos desde o século XVII". Pero o máis interesante deste territorio, advirte, é o momento no que se abandona, entre mediados e finais do XIX.

"Non é habitual na Galiza atopar abandonos tan antigos, o que nos permite ter acceso á materialidade da dos séculos XVII e XVIII. Agora podemos escavar e comprender como vivía o campesiñado da Idade Moderna".

Cambios na arquitectura

A estratigrafía resultou máis complicada do esperado e o equipo de Incio del Río non puido avanzar tanto como lle tería gustado. "Xa é seguro que queremos volver despois desta primeira aproximación, porque nos permitiu constatar que traballar aquí merece a pena".

"Nunha das estruturas detectamos dúas fases construtivas. Vemos unha reforma que se fai no XIX sobre unha casa que xa existía, que podía ser do XVII, onde atopamos cerámicas e materias". A nosa hipótese a día de hoxe é que nestas vivendas de Súa Casa houbo un momento de habitación no XVII e outro posterior no XIX, previo ao seu abandono", tal vez máis tardío que o do resto da aldea de Silvaescura, "que non sabemos onde está".

Dar con esas estruturas perdidas é parte dunha vindeira campaña que Cristina Incio xa comeza a proxectar, tamén para avanzar noutro obxectivo: "rachar co discurso ahistórico de que o campesiñado leva vivindo igual desde a Idade Media". Non é así, di. "Hai poucos estudos histórico-arqueolóxicos que afonden nisto e gustaríame profundar en como mudou a arquitectura ao longo dos séculos tamén no rural, en liña cos cambios de mentalidade e de tecnoloxía, porque ás casas do campesiñado tamén chegan elementos novos, modernos, ao longo dos séculos".