Redes de axuda veciñal en tempos de coronavirus

Distintas iniciativas veciñas ou tamén municipais artellan redes de axuda durante os días de confinamento polo coronavirus (Imaxe: Grupos de Apoio Mutuo da Coruña).
Desde que se aprobou e entrou en vigor o estado de alarma polo Goberno central, na actual situación de confinamento e limitacións de mobilidade para frear a expansión do coronavirus, veciñas, veciños e tamén Concellos puxeron en marcha mecanismos para axudar a quen máis o pode precisar.

"Axúdoche?", "Precisas algo?". Nos últimos días xurdiron, especialmente arredor das urbes galegas, diferentes iniciativas de axuda e de apoio mutuo para aquelas persoas que teñan problemas de mobilidade para realizar a compra, baixar a tirar o lixo á rúa ou achegarse á farmacia ou mesmo ao quiosque. Con notas nas entradas dos edificios, a través de canles de Telegram ou de whatsapp están a organizarse para organizarse e espallar estas iniciativas.

En Santiago de Compostela, o grupo de Facebook "Rede Solidaria fronte o coronavirus" creouse para tratar de conectar nos diferentes barrios ás persoas que precisan axuda coas que poden ofrecela. Tamén as asociacións veciñais As Marías ou a asociación veciñal Raigame ofrecen axuda nos seus barrios."Nestes días de incertezas, debemos activar todas as medidas de solidariedade. Neste sentido, o colectivo de habitantes do teu barrio quere trasladarte que estamos aquí para o que necesites", din desde o grupo de Facebook de As Marías.

En Vigo e a través dunha canle de Telegram, as veciñas e veciños de diferentes barrios da urbe olívica tratan de organizarse. Unha das peticións partilladas é a dos comedores sociais de da Esperanza e da Misión do Silencio, que solicitan á veciñanza axuda a través de fiambreiras ou a facilitación de produtos non perecedeiros ou conservas.

Desde Pontevedra, e segundo explica o medio local Pontevedra Viva, a Federación de Mulleres botou a andar un programa de voluntariado para axudar ás familias a coidar da rapazada ou a atender as persoas maiores. Quen estea interesada en participar desta iniciativa pode poñerse a disposición da federación chamando aos teléfonos 986 26 26 37 ou 678 727 382. Tamén a través dunha canle de Telegram a veciñanza está a organizarse para espallar a axuda polos diferentes barrios.

A Rede de apoio ante a crise de Lugo naceu a través dun grupo de whatsapp. "Artellamos diferentes medidas de urxencia: ir aos mercados de alimentación ou farmacias en lugar das persoas máis vulnerables para evitar o seu contaxio (e máis coa situacións individualistas que se están a dar de acumulación e masificacións en, por exemplo, superficies comerciais) ou mobilización en coche para a recollida de alimentos nos domicilios das persoas que queiran doar para a súa posterior distribución. Distribución onde se reducirá ao mínimo o contacto ou aglomeración, establecendo unha cadea de seguridade, moi a diferenza do que estamos a ver nas grandes superficies", explican. Os teléfonos de contacto que ofrecen son o 698 19 11 52 e o 633 43 93 70.

Nos barrios coruñeses naceron os grupos de apoio mutuo.  "Unha resposta que levantamos desde os barrios conscientes da Coruña para poñernos ao lado da xente máis vulnerable, as nosas veciñas e veciños, neste momentos complicados. Unha resposta autoxestionada que busca activar a solidariedade xusto cando máis o precisamos", segundo explican na súa páxina web.

Atención municipal

Na Coruña, o propio Concello puxo en marcha unha iniciativa de voluntariado cuxa inscrición pechou ao chegar ás 500 persoas voluntarias. Na cidade herculina carteis do consistorio poñen a disposición das maiores ou de persoas enfermas o teléfono 010 para que podan poñelas en contacto con algunha destas voluntarias. "Todas as persoas voluntarias recibirán formación telemática por parte de persoal sanitario e de Protección Civil antes da súa incorporación á actividade e contarán con Equipos de Protección Individual para protexer e estar protexidas/os de posibles contaxios", informa o Goberno local.

Outros municipios tamén puxeron en marcha iniciativas similares á do Concello herculino. En Bergondo, as persoas maiores de idade, sen patoloxías e que non pertenzan a grupos de risco poden formar parte da rede de voluntarias que botou a andar o consistorio. No teléfono 981791252 e marcando a extensión 3 co Departamento de iniciativas sociais.

Tamén en Celanova o Concello habilitou un teléfono de contacto para aquelas persoas que precisen axuda para facer a compra ou procurar medicamentos na farmacia. Quen o precise, pode chamar ao 988431481 (Concello), ao 619292919 (Policía local) ou ao 649939392 (Protección Civil).

Os teléfonos de contacto do Concello de Ames son o 983535941, 981890964 ou o 662377044. A través dos mesmos, quen o precise pode solicitar acompañamento telefónico ou solicitar recados ou a compra de medicamentos. O de Ponteareas habilitou o teléfono 687764516 para que quen o precisa poda contactar, en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 19 horas co equipo de persoas voluntarias. Pola súa banda, o Concello de Viveiro atenderá as persoas en situación vulnerábel a través do 609845124.

 

Outras iniciativas en rede

A Asemblea Nacional de Estudantes Galegas, Anega, tamén puxo en marcha unha rede de axuda na que ofrece apoio académico e pon a disposición do alumnado o seu banco de apuntamentos, Mancomún. "Traballaremos intensamente estes días para mantelo actualizado co material que nos enviedes, co obxectivo de minimizar o impacto da suspensión das clases no estudantado", explican.