Pontón pide a Rueda que "dea explicacións" en sede parlamentaria sobre o colapso sanitario

Miguel Anxo Fernández Lores e Ana Pontón esta cuarta feira (Foto: Nós Diario).
A portavoz nacionalista instou o presidente da Xunta da Galiza a comparecer para explicar en sede parlamentaria que medidas vai adoptar o Executivo galego para reverter o colapso da sanidade.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, desprazouse esta cuarta feira ao Hospital de Montecelo, en Pontevedra -cuxo servizo de urxencias estivo colapsado varios días-,  para denunciar a situación de "extrema" gravidade na cal se encontra o sistema público de saúde, en particular nunha área sanitaria que "se ten convertido na ‘zona cero’ de trece anos de recortes, privatizacións e falta de planificación do Goberno do PP".

“Unha situación que causa una gran preocupación na poboación en xeral, que causa sufrimento nas persoas enfermas e que ten levado ao límite ao persoal sanitario, que está dando o mellor porque son excelentes profesionais pero que non poden seguir aturando unha situación de precariedade, falta de medios e de anticipación”, destacou a líder do BNG.

A portavoz nacionalista instou o presidente da Xunta da Galiza a comparecer para explicar en sede parlamentaria que medidas vai adoptar o Executivo galego para reverter o colapso da sanidade.

“O que é incomprensíbel é que ante esta situación, o presidente da Xunta se negue a vir ao Parlamento para explicar á cidadanía cales son as alternativas que vai pór enrima da mesa para resolver o problema. O señor Rueda está escondido no seu despacho de San Caetano ante o colapso sanitario que pon en risco saúde dos galegos e das galegas, escondido detrás das mentiras e manipulacións coas que quere tapar as consecuencias de trece anos de recortes, falta de planificación e nun momento no que se está facendo unha xestión caótica”, denunciou Potntón.

Desde o hospital de Montecelo, a líder do Bloque deixou catro propostas para o presidente da Xunta. A primeira, “que dea a cara” e compareza no Parlamento para explicar que medidas vai tomar o goberno do PP, insistiu.

En segundo lugar, que rectifique e poña en marcha un plan de rescate da atención primaria dotado con 200 millóns de euros.

Novos servizos

En terceiro lugar, aprobar un programa para incorporar novos servizos nos centros de saúde, como psicoloxía clínica, "tendo en conta que 30% das consultas teñen que ver coa saúde mental".

Finalmente, "que poña en marcha un plan de choque para eliminar as listas de espera, obxectivo que estaba detrás da emenda de 149 millóns de euros presentada polo BNG aos orzamentos de 2023".

Acompañada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, pola portavoz parlamentaria de sanidade, Montse Prado, e por responsables locais e comarcais do BNG, Pontón denunciou que precisamente á area sanitaria de Pontevedra e Salnés a que "soporta como poucas as consecuencias da política de acoso e derribo á sanidade pública despregada polo PP desde 2009".