A policía española disolve pola forza o peche estudantil da biblioteca municipal de Ourense

Imaxe do peche. Liga Estudantil
Un bo número de antidisturbios obrigaron a abandonar as instalacións do edifico público a todas as persoas alí presentes, moitas delas menores de idade. Houbo ferid@s e danos materiais. Nesta cuarta, tres concentracións en Lugo, Compostela e na cidade das Burgas rexeitarán unha intervención policial "represora e violenta"

A Policía española disolveu esta cuarta feira, de madrugada e pola forza, o peche que oito organizacións estudantís mantiñan na biblioteca municipal de Ourense en contra dos recortes no ensino público.

No peche participaban menores de idade. A máis nova é unha muller de 13 anos 

Segundo a información facilitada a este xornal, o encerro foi interrompido ao redor das 2.30 horas "con suma violencia" por un bo número de antidisturbios. Despois de tres avisos "que foron seguidos", unha carga policial "desproporcionada e aproveitando que se trataba dun peche de mozas e mozos" baleirou o edificio público, causando danos materiais tanto no mobiliario como nas pertenzas das persoas alí presentes. Houbo tamén danos persoais, estudantes ferid@s de diversa consideración, se ben ningunha delas está grave. No peche participaban menores de idade. A máis nova é unha muller de 13 anos.

"Esnaquizaron unha mesa da biblioteca, e a un dos compañeiros arrincáronlle, literalmente, a camisola", describiron fontes dos colectivos convocantes: Galiza Nova, Xuventude Comunista, Adiante, Ami, Liga Estudantil, Liga Comunista Libertaria, 15-M Asemblea Aberta Ourense e Estudantes sen Futuro. Todas estas organizacións coinciden ao denunciar a actitude policial. Así, Saleta Chao, militante da Liga Estudantil, condenou o desaloxo e interpretouno como "máis unha mostra do que hai: aquí non se pode nin protestar polo que é noso".

Diante da situación, o Partido Popular "ten que rectificar porque xa non é só un problema polo recorte de servizos públicos. É un problema para a liberdade de expresión", espetou Iria Aboi desde Galiza Nova, e engadiu que "non é de recibo tratar de boicotear as mobilizacións contra as súas políticas, sexan cidadás sexan estudantís".

Saleta Chao: "A carga foi máis unha mostra do que hai: aquí non se pode nin protestar polo que é noso''

E é que desde a Xunta de Galiza comezaron a remitir xa circulares aos centros de ensino para aconsellar o agrupamento de alumnado de distintos cursos; e os peches rotatorios que vén convocando a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público en diferentes localidades do País contra o Real Decreto dos recortes na Educación tiveron como prólogo a visita da policía española "para preguntar se todo era legal, se estaba consentido", tal e como narrou Aboi.

A consellaría que dirixe Jesús Vázquez meteu man tamén o 10 de Maio, folga nacional a prol do ensino público e en galego, con "coaccións" nas aulas no IES Ollos Grandes de Lugo, IES o Perdouro de Burela, IES Xesús Taboada Chivite de Verín , IES Virxe do Mar de Noia e no Instituto Galego de Formación de Acuicultura da Illa de Arousa.

Iria Aboi: "O PP ten que rectificar porque xa é un problema até para a liberdade de expresión"

A Plataforma Galega finaliza a campaña de peches xustamente na cidade das Burgas. "Imaxino que aí non se atreverán a cargar", argumentou Saleta Chao, para enfatizar a convición de que o desaloxo na biblioteca pública de Ourense se produciu "porque eran simplemente estudantes".

Chao, que secunda o peche que a Liga Estudantil mantén na facultade de Historia, en Compostela, viviu a carga policial "en directo", despois de recibir un aviso polo Twitter. As imaxes foron emitidas via streaming por unha web-cam que nese momento había conectada. "Non viamos nada. Só se escoitaban berros e golpes", contou, e condenou, máis unha vez, unha intervención policial "represora e violenta".

 

As organizacións estudantís que convocaran o peche manifestaron a súa solidariedade co estudantado de Ourense, e marcaron concentracións de apoio que se realizarán nesta cuarta segundo a información que segue:

Lugo: ás 19.00 diante da biblioteca Intercentros
Compostela: ás 19.00 na praza do Toural
Ourense: ás 20.00 diante da Subdelegación do goberno español
A Coruña: ás 20.00 no Obelisco 
Vigo: ás 21.00 na Farola 


NOTA: o video foi partillado no noso Facebook por Tirso Fernández