Máis de 3.000 persoas secundaron as accións da Plataforma Galega contra o decreto do Ensino, que a Xunta "non ten previsto recorrer''

Desde a súa constitución hai pouco máis dun mes, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convocou concentracións simultáneas en varias localidades do País e peches rotatorios nos IES. A comunidade educativa rexeita o RD 14/2012 por invadir competencias da consellaría de Educación

Máis de 3.000 persoas fixeron parte das distintas accións convocadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, que nesta cuarta, pouco máis dun mes despois de se constituíren, fixeron pública a primeira valoración da súa actividade.

En palabras do voceiro, Xoan Costa, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), "quixemos dar unha mostra de forza na rúa nun contexto de recortes no público", mostra que concluirá, de momento, o vindeiro domingo, 3 de xuño, nunha mobilización nacional a prol da Sanidade pública á que se uniu esta Plataforma, alén de Mira por elas!, creada para a defensa dos medios de comunicación públicos.

Desde as concentracións simultáneas realizadas o 8 de maio en distintas localidades do País até a cadea de peches rotatorios iniciada o 14 en Compostela e que rematará en Ourense o 1 de xuño, todas as accións convocadas pola Plataforma teñen un obxectivo común: oporse a unha norma, o RD-lei 14/2012, que invade competencias transferidas a Galiza, polo que instan o Goberno galego a que non o aplique e apele perante o Tribunal Constitucional. Pese á masiva resposta que tiveron todas as convocatorias nesta liña, "semella que a Xunta non ten previsto recorrelo", fronte ao disposto nalgunhas comunidades do Estado, que si tratarán de botar abaixo este texto pola vía xudicial.

A denuncia do colectivo --no que se integran, alén da AS-PG, asociacións de nais e pais do alumnado galego, CIG-Ensino, Liga Estudantil, Galiza Nova, BNG, Comités e Sindicato de Estudantes-- céntrase na invasión de competencias que supón a norma española, caendo "no ridículo" de regular até o horario de traballo do profesorado e dispondo a maneira de cubrir as baixas do persoal docente. Así, promoveuse o rexeitamento ao RD 14/2012 nos Concellos visitados cos peches rotatorios e o grupo parlamentar do BNG levou unha iniciativa ao Parlamento galego.

"Feijóo di que a suba das taxas será distinta na Galiza, mais iso non ten nada que ver con que non sexa importante. Tamén son distintas as condicións de vida e as condicións salariais", dixo Costa, lembrando que, segundo a letra do decreto, a suba no prezo das matrículas pode chegar até o 66%. Na liña, nin a Plataforma nin ningunha das entidades que dela fan parte poderían presentar un recurso contra a norma. Só podería ser recorrido polo Parlamento galego, polo Valedor do Pobo ou por 50 deputad@s no Congreso.

Por isto, o presidente da AS-PG informou de conversas co PSOE e co BNG encamiñadas a procurar apoio na Cámara galega, e foi entón cando souberon que "a Xunta non ten previsto recorrelo". Por conseguinte, o Goberno galego desoe "o rexeitamento que as súas políticas están a espertar" entre a comunidade educativa e entre a cidadanía en xeral, un rexeitamento que pode cuantificarse: 2.000 persoas estiveron nas concentracións da Plataforma o 8 de Maio; cando os encerros rematen calcúlase que polo menos 1.000 persoas terán pasado por algún dos centros de ensino; e máis de 10.000 persoas secundaron nas rúas da Galiza a folga xeral do 10 de Maio.