A CIG-Ensino reúnese coa Consellaría de Educación para tratar as problemáticas do profesorado galego

Encontro mantido entre a CIG-Ensino e a Consellaría de Educación (Foto: Nós Diario).
Unha representación da Executiva do sindicato foi recibida polos máximos responsábeis da Consellaría nun encontro que a CIG-Ensino centrou na mellora das condicións de traballo do profesorado e do ensino público galego.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) mantivo unha reunión co conselleiro de educación Román Rodríguez na cal insistiu especialmente na recuperación de dereitos laborais perdidos, na situación da pandemia e a saúde laboral, no contexto de incerteza da profesión docente, nos procesos selectivos que terán que convocarse neste 2022 en aplicación da Lei 20/2021 e na xestión do profesorado interino. A atención á diversidade, a situación da escola rural ou a negociación dun plan de igualdade para o persoal docente tamén estiveron presentes nos temas trasladados polo sindicato maioritario.

A recuperación dos dereitos e a mellora das condicións de traballo

A redución da carga lectiva directa do profesorado a 18 horas na educación secundaria e a 21 horas na educación infantil e primaria foi unha cuestión central nos temas tratados, coa demanda da CIG-Ensino de aplicala xa no curso 2022-23, non só como o dereito a recuperar as condicións de traballo que tiñamos senón como un recoñecemento por parte da administración de dar resposta á sobrecarga de traballo lectivo que hoxe afronta o profesorado galego.

Ao mesmo tempo, desde a CIG lembráronlle ao conselleiro que o principal problema para unha correcta atención educativa e o desempeño do traballo docente está agora mesmo nas elevadas ratios, que se ben é certo que a pandemia "puxo no centro do debate, xa era unha demanda da CIG e do conxunto do profesorado desde hai anos". A redución das ratios é hoxe un clamor non só do profesorado senón de toda a comunidade educativa.

No mesmo sentido preocupa a desatención do escola rural polo que se solicita a revisión dos fechamentos de unitarias e agrupamentos de aulas con pouco alumnado, garantindo que a escola rural teña, tanto en dotación de profesorado como en mantemento da rede educativa, un  trato claramente favorábel que busque reducir a constante perda de poboación neste ámbito pola vía dunha ampla cobertura de servizos públicos.

A situación do galego no sistema operativo

O sindicato demandou que a Xunta cambie no seu bloqueo á lingua galega e recoñeza as graves consecuencias da aplicación do decreto de plurilingüismo nas crianzas e mocidade do sistema educativo, instando á administración educativa á derrogación do decreto e a negociar co conxunto da comunidade educativa unha nova política lingüística partindo da proposta das Bases.

Para alén diso, desde a CIG-Ensino reclaman que a Consellaría debe impulsar a oferta do Portugués como opción de segunda lingua en todos os centros de secundaria e formar profesorado do corpo de mestres para poder impartila como materia de libre configuración en 6º de primaria.