CIG e UXT alcanzan coa patronal un preacordo de convenio nas conservas

CIG e UXT chegan a un acordo coa patronal sobre o convenio das conservas de peixe do que se descolga CCOO.
Traballadoras nunha fábrica de conservas (Imaxe: Jealsa)
photo_camera Traballadoras nunha fábrica de conservas (Imaxe: Jealsa)

Os sindicatos CIG e UXT anunciaron onte un principio de acordo sobre o contido do convenio colectivo das conservas de peixe, co que chega ao seu fin un longo proceso negociador marcado por folgas e manifestacións do sector por un convenio digno.

Segundo indica UXT nun comunicado, o preacordo recolle as principais reivindicacións da proposta presentada o pasado 2 de febreiro para dignificar as condicións laborais dos traballadores e das traballadoras do sector.

En concreto, este principio de acordo do convenio, que terá vixencia entre 2021 e 2024, recolle unha alza salarial de 6,5% con carácter retroactivo e o pagamento de atrasos desde o 1 de xaneiro de 2021, mentres que se subirá 1% con cláusula ao IPC Real (interanual) en 2022 e un incremento de 1,5% con cláusula ao IPC Real (interanual) para 2023 e 2024.

Tamén se recolle a equiparación salarial dos grupos profesionais V e VI co foco posto no concepto de igual traballo, igual salario, cuestión que debe quedar resolta durante a vixencia do convenio. 

Xunto a isto, outra das medidas que se inclúe no preacordo é a incorporación ao novo convenio colectivo dun protocolo para a prevención e actuación en caso de acoso.

Desconvocatoria da folga

Desde os sindicatos recoñecen que todos estes aspectos non se terían recollido no novo texto de non ser polo apoio dos cadros de persoal das empresas conserveiras, que coa súa loita lograron "un avance irreversíbel na mellora das condicións laborais" no sector.

Tamén apuntan que, co preacordo, desconvócanse a manifestación prevista para este sábado en Boiro así como as xornadas de folga de marzo.

CCOO á marxe

Pola súa banda, CCOO, que se descolgou de preacordo, acusou CIG e UXT de "traizoar ao sector conserveiro" ao chegar a un preacordo de convenio colectivo coa patronal que non recolle a "equiparación salarial" entre homes e mulleres.

Nesta liña, anuncian que, ao contrario do que farán CIG e UXT, manterán a manifestación prevista para este sábado en Boiro así como as xornadas de folga de marzo.
 

Comentarios